Sete grupos composteláns desenvolverán nos centros socioculturais o programa Revelando Voces ata xuño
16 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O programa Revelando Voces, posto en marcha pola concellería de Cultura, volverá por terceiro ano consecutivo a encher os centros socioculturais de Compostela cos sons dos novos e emerxentes músicos locais. A concelleira do departamento, Socorro García, e varios dos artistas, presentaron onte a programación do novo ciclo que arrincará o sábado próximo e rematará o 20 de xuño, cun orzamento de 24.995 euros.
Nesta terceira edición é de salientar a ampla oferta musical, como destacou Socorro García, cun abano máis amplo. Segundo a edil de Cultura «ampliouse o número de artistas convidados en relación a edicións anteriores e recóllense novas propostas sonoras achegadas ao jazz, o ska, a música tradicional e mesmo o rock». A concelleira aposta con máis forza este ano por ampliar a proposta musical «para darlle cabida, darlle espazo e difusión á produción compostelá», contribuíndo tamén, segundo puxo de manifesto a que «ese público que queremos formar se interese por diferentes estilos».
Por outra banda, o proxecto de este ano de Revelando Voces foi xerado desde o inicio nos propios centros socioculturais. A selección de artistas e grupos foi feita polos equipos dos propios centros, especialmente dende o Centro Sociocultural do Castiñeiriño, por Adolfo Muíños que foi o coordinador deste proxecto. Socorro García destacou tamén a oportunidade que supón para os grupos participantes a súa inclusión en Revelando Voces, pois moitos dos músicos e bandas que interviron en edicións anteriores do certame son xa artistas consagrados, oitos deles con lanzamentos dos seus traballos discográficos.
A cantante Lucía da Fonte, que actuará no programa co grupo rock Meiga do Norte, agradeceu o apoio aos grupos que están comezando. «Realmente isto nós o vivimos como un regalo», comentou esta nova voz do rock compostelán que destacou o «apoio económico importantísimo» que supón para os músicos participar en Revelando Voces, o que lles posibilitará a gravación dunha maqueta.