A actriz Mercedes Castro inicia a xira do novo espectáculo de Eme2 «Sexo Por que non »
SANTIAGO
O Salón Teatro acolle esta fin de semana o inicio da xira de Sexo? Por que non? , o novo espectáculo da compañía galega Eme2 que interpreta a actriz Mercedes Castro baixo a dirección escénica de Álvaro Lavín. Baseada nos textos de Darío Fo, Franca Rame e Jacopo Fo, trátase dunha trepidante comedia que pretende desdramatizar os tabús arredor do sexo, fuxindo do chiste fácil e amosando situacións cotiás sobre o encontro carnal e o pouco que del sabemos nesta sociedade.
Mercedes Castro subirá ao escenario para interpretar os preto de vinte personaxes que desenvolven esta historia. Así, sobre as táboas do Salón Teatro cobran vida Adán, Eva, un anxo, Yahvé-Deus, Carlos de Inglaterra, un señor de Boloña, un famoso cirurxián, Rosalía -unha morena impoñente-, o produtor do espectáculo, un tremoia, a irmá de Mercedes Castro, a súa nai, varias das súas amigas, algún dos seus fillos, e incluso a propia Mercedes.
O espectáculo pregúntase por que, se o sexo é algo tan central nas nosas vidas, case sempre falamos del desde complexos e estereotipos. A idea orixinal de Franca Rame xorde cando decide poñer en escena o libro do seu fillo Jacopo O Zen ou a arte de foder , que tivo un éxito desmesurado entre a mocidade italiana.