«O novo disco de Marful mantén algo das orixes, pero cun son distinto»

C.?P. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

14 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O grupo Marful presenta estes días en concertos por distintas cidades de Galicia ao seu novo disco, Manual de sedución, un traballo que o guitarrista do cuarteto, Marcos Teira, asegura que marca unha etapa nova da formación, «porque ofrecemos temas do noso repertorio de cancións populares que revisitamos con arranxos, e outros propios con son novo que ten que ver con influencias americanas, de Cuba e Brasil sobre todo».

-¿Este segundo disco define un estilo novo de Marful?

-Digamos que o perfila, porque despois do primeiro disco de cancións populares que se cantaban nos cafés cantante e nos cabarés, desenvolvemos o proxecto Descarga ao vivo , compartido con outros músicos, co que fixemos xiras e do que xurdiu outro tipo de músicas con influenzas americanas.

-¿Que tipo de música?

-O proxecto entre os dous discos aportounos cousas moi interesantes, e naceu un son distinto, sobre todo porque tocamos máis instrumentos. Hai algo das nosas orixes, pero é distinto, moi variado e completo.

-¿O grupo ampliouse?

-Non, Marful é o mesmo cuarteto, coa voz de Ujia Pedreira, Pedro e Pablo Pascual co acordeón diatónico e o clarinete baixo, e eu, que neste disco toco máis instrumentos que a guitarra española. Nas gravacións e algúns concertos contamos con Xacobe Martínez no contrabaixo e Lar Legido na batería.