As «Historias peregrinas» de Murado volven a escena

M. B. SANTIAGO/LA VOZ.

SANTIAGO

Teatro do Noroeste ofrecerá no Salón Teatro esta comedia alegórica que representara hai quince anos

27 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Teatro do Noroeste volve mañá aos escenarios con Historias peregrinas , unha nova versión da comedia alegórica escrita por Miguel Anxo Murado e que a compañía que dirixe Eduardo Alonso xa estreara hai quince anos. O público terá a oportunidade de ver seis funcións desta peza no Salón Teatro.

Foi no ano 1995 cando Teatro do Noroeste levou por primeira vez aos escenarios esta obra escrita ex profeso para a compañía polo xornalista e guionista lucense. Agora, quince anos despois daquela estrea, a compañía de Luma Gómez e Eduardo Alonso, decidiu volver a representar este texto, coincidindo coa celebración do ano Xacobeo 2010 pero, segundo eles mesmos, cunha montaxe «máis descrida e menos inocente» que a orixinal.

A montaxe conta a historia dun grupo de cómicos que no barroco percorre o Camiño de Santiago representado danzas da morte e autos sacramentais. A causa dunha edición defectuosa do Códice Calixtino , que lles serve como guía, pérdense nun bosque preto de Compostela. É neste lugar onde se decatan de que un dos seus compañeiros, o actor que fai o papel de Home Inocente, fuxiu coa actriz que fai de Perdón Divino e cos cartos da recadación das últimas funcións. Os comediantes, fartos de facer o que fan, veranse obrigados a buscar novos membros para o grupo. Un reo das execucións públicas, que daquela abundaban tanto, escapa da xustiza e atópase co grupo dos cómicos que buscan un Home Inocente para a súa obra. O xogo teatral está servido, «xa que alguén que non é o que aparenta ser fai de alguén que é o que é no fondo, pero que non parece que sexa». Historias peregrinas é unha peza que xira «arredor da vida, da aparencia e da realidade, da razón e do absurdo de ser». Unha obra na que o humor agocha temas transcendentais e actuais como «a supremacía da razón para chegar a entender a vida, a crítica ao fanatismo relixioso, a busca da verdadeira identidade das persoas, o amor, a literatura e o teatro». Con este texto dramático, Miguel Anxo Murado quixo escribir unha especie de comedia teolóxica popular, «un auto sacramental no que a sentencia moral e a temática fosen modernas».

Nesta versión de Teatro do Noroeste, a interpretación corre a cargo de oito actores e actrices: Alejandro Carro, Xan Casas, Luma Gómez, Fernando González, Julia Méndez, Mos, Victoria Pérez e Aitor Rei. Eduardo Alonso asina a dirección escénica e o deseño de iluminación.