«'Abelcebú' é o reverso do Xerais co que me suxería o demo que levo dentro»
SANTIAGO
Ás oito preséntase na Libraría Couceiro, «que non se fai responsábel dos danos morais que poida padecer o público asistente. Rógase que leven extintores, por se acaso», o dicionario Abelcebú. A recomendación faina Edicións Positivas, porque anuncian queimada ademais de exorcismos e unha tómbola malévola, galletas Cuétara e pode que licor café. O autor da obra, Carlos Negro, matiza que o evento «vai en consonancia co espírito do libro, para ver se sacamos un sorriso, que boa falta nos fai».
-¿Máis que unha presentación é unha celebración, non?
-Desde que saíu o libro facemos actos doutra maneira, co mesmo espírito da obra, que non deixa de ter unha carga crítica, pero antisolemne, porque todos coxeamos dalgún pé. Nós só somos un espello deformado.
-E sen poesía.
-Hai unha herdanza de obras anteriores e unha tradición literaria que aproveitei para unha visión do mundo.
-¿Por que optou polo dicionario?
-Empezara facéndoo de maneira privada a partires das sátiras de Ambrose Bierce. Definira catro ou cinco palabras, e co paso do tempo foise convertendo en dicionario, porque é una forma doada de ordenar.
-¿Cantas entradas ten?
-Nunca as contei, pero deben ser unhas 4.000. É un señor dicionario, o reverso do Xerais, que cando tiña moito material funo repasando páxina a páxina para poñer o que me suxería o demo que levo dentro.