Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

A comarca de Barcala rende homenaxe ao poeta Ardeiro

La Voz NEGREIRA/LA VOZ.

SANTIAGO

24 dic 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O acto lembranza-homenaxe a Xosé Manuel López Ardeiro con motivo do terceiro cabodano do poeta das terras do Val de Barcala -que finou o 21 de Nadal de 2007 en Ferrol, a idade de 63 anos- reuniu a un grande número de amigos na presentación da súa obra póstuma, Un tempo de amor e Voces na diáspora, os seus dous últimos libros de poesía, nun acto organizado pola familia e amigos.

Incluíu a proxeccción do vídeo As voces do poeta, producido por Alberto Lema López, para logo intervir o seu amigo Xosé Antonio Ponte Far, principal valedor da edición da súa obra póstuma: «Son dous libros fundidos nunha única obra con dúas temáticas. O amor ou desamor do poeta, e maila emigración». Ponte Far salientou que non se lle tocou «practicamente nada» respectando os textos dun Ardeiro que, consciente da gravidade da súa enfermidade, «non estaba para perder o tempo e móstranos como o amor é algo transcendente», subliñou o escritor de Logrosa.

O poeta Miguel Anxo Fernán Vello, cuxa editorial Espiral Maior editou o derradeiro libro do poeta barcalés, lembrou a «humanidade», e a «enerxía» que sempre lle transmitiu Ardeiro. «Para mín foi un gran descubrimento, e creo que os poetas non morren, senón que viven nos seus poemas, polo que estamos ante un poeta cuxa obra vai a ir medrando e ficará nas antoloxías», segundo Fernán Vello.

Outro dos participantes foi Xulio L. Valcárcel, para quen Ardeiro «permanece vivo, co recordo do seu pobo, e en constante afecto e cariño que se lle profesa». Salientou que estamos ante un libro «único» por canto é o definitivo que «nace das circunstancias vitais dos últimos tempos da súa vida», dun poeta claramente vinculado a un territorio delimitado, o Val de Barcala.