Hai un ano, a Rúa Nova incorporou á súa oferta comercial unha tenda que engade valor a esta arteria da cidade vella, O Pazo das Musas, un comercio especializado no mundo da música, con agasallos, libros e obxectos de artesanía. A dona é a compostelá María González Gómez, que explica que levaba tempo buscando un local, e cando deu con este situado nos números 8-10, non o dubidou, «porque a situación é ideal e o espazo permitiume crear varios ambientes para que os clientes se sintan cómodos». Iso inclúe un piano vertical no que se poden sentar a tocar. María é licenciada en Filoloxía Alemá e estudou no Conservatorio ate obter o grao medio. Preparaba oposicións para dar clases de música cando decidiu montar «unha tenda para músicos e sobre a música», cunha oferta de libros que agarda «aumentar pouco a pouco», as partituras básicas «e baixo pedido», e moitos obxectos prácticos e exquisitos.