Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Polo seu valor simbólico, a perda do Códice é enorme»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO

Coordina a historia das mulleres galegas, proxecto pioneiro en Europa

28 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A profesora Ofelia Rey recebe o premio autonómico María Josefa Wonemburger Planells, como recoñecemento a 33 anos de investigación. Dedicou esforzos a moitos asuntos. O preferido é «o da revolución que supuxo a imprenta. Resulta apaixonante para min, que tiven o primeiro ordenador en 1984, ser testemuña agora da invención da informática, que acelera a información. Aínda que penso que o libro non morrerá por ser, como alguén dixo, o obxecto perfecto».

-É especialista no culto xacobeo, ¿que significa a desaparición do «Códice Calixtino»?

-Tiven a fortuna do contacto directo co Códice Calixtino, pois traballei no Arquivo da Catedral 4 anos para facer a Tese de Doutoramento e organicei parte do seu fondo. O seu persoal é cualificadísimo, ben que o coñezo porque estudaron e investigaron na Facultade. O do Códice foi un accidente moi desgraciado. Non está perdido de todo, porque se encontra dixitalizado e hai reproducións en facsímile que permiten o traballo dos investigadores. É polo seu gran valor material e simbólico, moi forte, o que fai que esta perda sexa tan enorme. Aínda que estou confiada de que aparecerá.

-¿Estaba ben gardado?

-Si, estou totalmente convencida. A caixa de seguridade da Catedral non se podía abrir con facilidade; e o sistema de bloqueo dentro da Catedral funciona ben.

-¿Está seguro o patrimonio galego?

-Penso que iso non se debería cuestionar. Os arquivos provinciais e o do Reino de Galicia teñen as mellores tecnoloxías. Aquí en Santiago a Igrexa ten axuda oficial, e talvez precisaría que se reforzase onde hai documentos tan valiosos como o do Códice. O que non se pode facer é cuestionar o persoal que custodia estes arquivos, pois é excelente.

-¿Chegaron as peregrinacións a Compostela ao máximo?

-Se se limitan a un feito relixioso, dependerán da competencia doutras relixións, ou de modas de centros de culto. O futuro está garantido se conviven o valor cultural e de experiencia vital do Camiño de Santiago coa parte relixiosa. Hai que reforzar a parte filosófica, de disfrutar do patrimonio; como unha opción de turismo lento, con calma, para facer en calquera tempo.

-¿En que situación se encontro o proxecto que dirixe da «Historia das mulleres en Galicia»?

-Son catro volumes, da Prehistoria á Idade Contemporánea. En marzo xa se presentaron os 3 primeiros, agora sairá o cuarto. É, que saiba, a primeira historia das mulleres de carácter autonómico en España, e penso que en Europa. É un traballo con perspectiva científica e que busca ser tamén divulgativo.

-¿É acertado falar de «matriarcado galego»?

-A palabra non sería esa, aínda que se pareza. Debido a un sistema de herdanza, e á enorme emigración, durante séculos a economía agraria e urbana estaba en mans de mulleres, que facían o traballo rural, parte do artesanal, na pesca, e outros, ao ser elas o fundamento da economía galega. Iso explica que tivesen un poder bastante maior que noutros territorios, socialmente recoñecido.

oFELIA REY CASTELAO caTEDRÁTICA DE HISTORIA DA USC, PREMIO MARÍA WONENBURGER