«Tentaremos facer o máis posible para os veciños e pagalo de xeito inmediato»
SANTIAGO
O rexedor popular compatibilizará o cargo co seu traballo como médico
02 dic 2011 . Actualizado a las 06:00 h.Ramón Varela, médico de profesión, é desde o 20 de outubro o alcalde de Val do Dubra despois do inesperado falecemento do seu antecesor, Juan Manuel Baleato Iglesias. Varela acumula unha dilatada experiencia política en terras dubresas, xa que nos últimos vinte anos foi o número dous de Baleato. Por iso, recoñece que cando unha sentenza inhabilitou ao anterior rexedor o mesmo Baleato xa lle tiña pedido que asumise a alcaldía. Pero non foi ata que «pasou o que pasou», como el mesmo di, cando aceptou o reto. Asumida a responsabilidade, recoñece que é vital o apoio e a capacidade do seu grupo de goberno, cheo de xente nova.
-O seu acceso á alcaldía foi por unha circunstancia tráxica. ¿Como se pode asumir un reto así?
-Cunha tremenda responsabilidade e moita dor polo sucedido, porque se non fose iso eu non tería tomado esta decisión, porque eu sempre dixen que de ningún xeito deixaría a medicina, e o vou seguir mantendo.
-¿E como leva tanta carga de traballo no día a día?
-Dedicándolle moito tempo e traballando a todas horas. Eu xa dixen na miña toma de posesión que, ademais de evitar calquera tipo de crispación coa oposición e cos veciños, estaría aberto ao diálogo. E díxenlle a un membro da oposición que se me quería ver ás sete da tarde, Ramón estaría ás sete. E se me quería un domingo ás dez da mañá, estaría tamén. Pero non por ser un membro da corporación, senón por ser veciño de Val do Dubra. O que si que non vai haber neste concello son listas de agarda para falar co alcalde. O que non quero é que quede calquera cousa pendente por falta de traballo.
-¿E que vai pasar nas vindeiras municipais.¿ Pensa seguir con este ritmo?
-Non teño nin idea do que vou facer nas próximas eleccións. É unha decisión a moi longo prazo e agora é moi cedo para falar diso neste momento.
-O pleno desviou fondos para servizos que perderon as subvencións. ¿Como vai afrontar Val do Dubra o vindeiro ano?
-Cos recortes que hai, tentaremos manter os servizos primordiais: educación, sanidade, servizos sociais... E tamén hai proxectos que estaban moi adiantados, como é o do centro de día. E abordaremos o tema do polígono industrial. Hai que pedir un crédito moi cuantioso e teremos que estudalo con atención. E o demais, pois dependendo de como veñan as cousas. Tentaremos facer o mais posible para os veciños de Val do Dubra e pagalo de xeito inmediato.
-Entre os proxectos pendentes destaca o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). ¿Quedará listo neste mandato?
-Seguimos tramitando o plan e pensamos que a exposición pública vai ser pronto, e despois teremos que seguir os prazos que nos marquen, pero insistindo constantemente para que vaia adiante, aínda que non temos excesivas peticións para construír, e as que hai son de vivendas unifamiliares, pero hai xente en Portomouro que ten soares e están agardando, porque se non poden construír cunhas determinadas alturas non lles compensa.
-Outro dos proxectos que vén de vello é o vial entre O Romaño e o polígono do Tambre. ¿Hai posibilidades de que prospere o trazado que quere Val do Dubra?
-Pensamos, e así o acordou o pleno, que o máis axeitado e que pase por Aradas, pero non podemos ir contra os estudos técnicos. Se os informes da Xunta din que non pode ir por aí, contra iso non se pode facer nada, pero para nós que a estrada pase por Aradas é a mellor alrernativa. Este proxecto é unha obra moi importante porque conectará Val do Dubra co polígono do Tambre, co aeroporto e coa rede de autovías sen ter que pasar por Santiago, porque calquera sabe que pode levar máis tempo ir dende Vista Alegre ao centro de Santiago que chegar a Portomouro.
Ramón Varela alcalde de val do dubra