Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

«Na dependencia, Galicia non pode pagar o que o Estado incumpre»

SOCIEDAD

O vicepresidente da Xunta aposta por converter os coidadores familiares dos dependentes en traballadores do sector, e ve necesario o copago dos servizos

27 jul 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

É a tarde do 25 de xullo e Anxo Quintana ten unha xornada maratoniana. As seis e media atende a esta periodista recén chegado da comida de Santa Susana, que para o líder do BNG vén sendo algo así como unha recepción real. «Son cousas que hai que facer», di esgotado, mentres busca onde está a mancha de viño que lle botaron por riba na festa. Despois de falar da conciliación coa familia, que no seu caso limítase á mañá dos sábados, e das vacacións, chega o momento das preguntas (outra cousa que «hai que facer»).

-Falemos da dependencia. Moitos critican que a gran aposta sexan as libranzas dos coidadores familiares. Ese non é o obxectivo da lei, pagarlle a unha muller para que coide da súa nai?

-Non, o obxectivo é facer unha rede pública forte que atenda a demanda, pero tamén debemos dignificar a figura do coidador familiar, porque melloramos o nivel de atención aos dependentes e a eles estámolos preparando para o futuro laboral.

-¿Aposta por que os coidadores familiares, mulleres de mediana idade na súa maioría, sexan no futuro traballadoras do sector?

-Si, para iso lles estamos dando formación e facilitando a coordinación entre eles.

-¿Cantos cartos lle custará a Galicia pór en marcha a lei?

-Na xuntanza desta semana en Madrid nós propuxemos que para setembro as comunidades fagan esa conta. E nós para esa data daremos a coñecer o custo exacto da lei en Galicia.

-Terán en conta que, como este ano, o Estado pode non dar o que se esperaba.

-Para iso fixemos a proposta. Nós aguantamos este ano e programamos o 2009, pero para que a lei se cumpra o Estado ten que cumprir a súa parte. Na dependencia, Galicia non pode pagar eternamente o que o Estado incumpre.

-O ministerio formula a posibilidade de que a xente teña que pagar a residencia unha vez morta co seu piso. Se é así, en Galicia non irá ninguén a unha residencia?

-Aínda non presentou a idea e cando o faga, se o fai, a valoraremos. Está claro que nun servizo social ten que haber copago, pero dun xeito comedido.

-Como apenas hai espazo nunha páxina do xornal e moitas cousas por preguntar, cambiemos de terzo e falemos do AVE. Mentres vostede di que haberá comisión de seguimento, o Goberno do Estado di que non. ¿Quen vai ter a razón?

-Antes ou despois deberá haber unha comisión de seguimento porque politicamente é imposible manter para un Goberno unha posición negativa se hai una proposta unánime, e neste asunto haina.

-¿E por que non hai proposta unánime, por exemplo, para o Estatuto?

-Cada vez que Galicia consegue unha postura unitaria, convértese un pouco máis en nación. E cando as forzas políticas galegas actúan pensando no que queren os galegos, sen dúbida chegamos entre todos a un punto de acordo. Pero se miran para Madrid, e se a súa postura ten que coincidir coa estratexia ben de Ferraz ben de Génova, entón non se chega a acordos. Iso é o que lle pasou ao señor Feijoo co Estatuto.

-¿Os novos aires que parece ter o PP dende o seu congreso danlle esperanzas neste terreo?

-Espero que si. Eu teño plantexado que o 2009 sexa o ano do noso Estatuto. Canto máis autogoberno teñamos, máis instrumentos teremos para o benestar e encadrarémonos no Estado no mesmo nivel que Euskadi ou Cataluña.