Sofía Rodríguez, de theCosmethics, en «De 0 a 100»: «Cosmética ética é venderlle a unha clienta só os produtos que realmente necesita»

O programa que achega exemplos de emprendemento a centros educativos de secundaria da man de La Voz e a consellería de Educación levou ao IES Lagoa de Antela de Xinzo de Limia a unha das fundadoras do «ecommerce de cosmética». Formada nese centro, e posteriormente estudante de empresas e relacións internacionais, apostou por adicarse ao que realmente lle gustaba. «Esa é a clave dende o meu punto de vista para botar a andar un negocio que non sabes cando empeza se vai ir ben ou mal, que che guste realmente o que queres facer», dixo a limiá ao alumnado. A empresa botou a andar en Allariz en 2011, primeiro contaba con tenda física e web, pero hoxe en día está xa plenamente adicada Sofía e as súas compañeiras ao negocio online. «O que nos distingue é a selección dos produtos, orgánicos, naturais e de calidade e o noso asesoramento, buscando a fidelidade da clientela», sinala Rodríguez. Sirven 1.500 referencias distintas a toda Europa e contan tamén cunha marca propia. No último exercizo, theCosmethics, está dando beneficios despois dunha ampliación de capital en 2020 que as fixo medrar en plena pandemia. «Nós mesmas sabemos que vendemos ingredientes e resultados por iso somos as primeiras en testar os produtos, saber como funcionan e así poder dicirlle ás nosas clientas cómo lles vai a funcionar», detalla orgullosa do seu día a día. «Cosmética ética é venderlle a unha clienta só os produtos que realmente necesita», conclúe sobre a súa labor

03 may 2024 . Actualizado a las 15:43 h.