Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Os escritores galegos ensinarán literatura a través de Internet

Camilo Franco

VIGO

Conferencias en tempo real sobre os autores completaranse con coloquios virtuais para os asistentes

18 oct 2007 . Actualizado a las 11:19 h.

Unha das desculpas xeralizadas para non ir aos actos culturais é que quedaban a trasmán ou que as horas non cadraban. A Asociación de Escritores en Lingua Galega quere acabar coa distancia coa posta en marcha da Aula Virtual, un espazo en rede no que, en tempo real, os lectores poderán coñecer algúns secretos da literatura.

En colaboración coa Asociación Socio-pedagóxica Galega os escritores poñen en marcha a Aula Virtual que, desde novembro a maio, vai formar a lectores nun curso a distancia que non se fai en ningures e se segue en todas partes.

A Aula Virtual arrancará no mes de novembro e durante catro semanas estudará a literatura desde dúas figuras galegas: Xosé María Álvarez Blázquez, a quen o ano vindeiro se lle dedicará o Día das Letras Galegas, e Agustín Fernández Paz, o escritor galego con máis mercado.

Esta aula reproducirá no seu primeiro mes o formato de xornadas literarias. Deste xeito, os días 7, 14, 21 e 28 do vindeiro mes iranse sucedendo os especialistas sobre a obra de ambos escritores en sesións de tres horas entre as 17 e as 20 con dúas intervencións por sesión. Tras os relatorios haberá tempo para un coloquio virtual ao xeito dos chats. A segunda parte deste curso terá carácter individual para os inscritos e durará ata o mes de maio.

Segundo os escritores, o primeiro público desta iniciativa é o profesorado non universitario en activo, para o que está previsto un prazo de inscricións e unhas condicións que se poden ler en www.aelg.org.

A asociación deixa a porta aberta para os lectores en xeral e permitirá participar da iniciativa como convidado sen necesidade de rexistrarse previamente como os inscritos.