Uruguai súmase ao convenio coa Deputación para formar aos empresarios lugueses instalados nese país

La Voz

A MARIÑA

30 oct 2008 . Actualizado a las 12:04 h.

O titular da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, asinou onte co presidente da Asociación de empresarios galegos en Uruguai, César Antelo, o convenio para poñer en marcha neste país o programa de iniciativas emprendedoras dirixido a emigrantes lucenses e aos seus descendentes. Este convenio poñerase en marcha no primeiro trimestre do 2009 e estará dotado con 50.000 euros, a mesma cantidade que nos casos de Arxentina e Venezuela, nos que xa está en marcha. A sinatura do convenio tivo lugar durante a recepción a César Antelo no pazo provincial, un acto no que tamén estivo presente o deputado da Área de Persoal e Réxime Interior, Melchor Roel.

Gómez Besteiro salientou a importancia de fortalecer as relacións económicas «que son as que dan riqueza» e «romper así a inercia de entender a relación coa nosa comunidade no estranxeiro só en clave de subsidiación cando en realidade debe ser en clave de cooperación». Pola súa banda, César Antelo destacou a importancia deste convenio, que inclúe cursos de formación para empresarios lucenses en Uruguai que queiran vir instalarse en Lugo ou para os que xa están instados alí e necesitan mellorar a súa cualificación para que as súas empresas sexan máis competitivas e modernas.