Con sentidiño
A Mariña
16 Jun 2017. Actualizado a las 05:00 h.
Onte publicaba La Voz de Galicia na Edición de A Mariña a entrevista ao escritor ribadense Farruco Graña ao fío da presentación do seu libro Badaladas de Anllóns, no que esa viaxe que parece que trazamos cada día entre pasado, presente e futuro fai de elemento condutor e no que se fala da convivencia das tradicións coas novas tecnoloxías. Ben recomendado por Graña que se faga uso delas «con sentidiño». Vivimos nun mundo expectantes por saber adonde imos. A conciencia sobre o uso e o efecto das ferramentas 4.0 é necesaria, porque son un reto nas nosas mans. Vemos que os chamados nativos dixitais as manexan mellor ca nós. Escoitei falar de nenos que controlaban á perfección o Android no móbil pero sen saber acender o ordenador e abrir Windows.
Hai cousas que nunca deberiamos desaprender, compaxinado co manexo das novas tecnoloxías, tamén para saber de onde vimos e alimentar a nostalxia que todos levamos dentro (unha forma de terapia sería o vixente fenómeno vintage). Por exemplo, escribir a man unha carta en vez de facelo no PC, poñer un vinilo no tocadiscos ou cedé na microcadena en lugar do iPod ou da plataforma Spotify, facer unha chamada en vez de pasarse horas activo no Whatsapp, experimentar ese momento especial de tomar un café co xornal aínda que despois lle deamos o repaso diario ao Twitter, felicitar a un cumpleañeiro en persoa deixando ese día que o Facebook descanse... Non ten cor poder darlle un abrazo e un bico reais. Sen emoticonos polo medio. Non sei... deben ser os anos, pero sigo crendo na importancia das pequenas cousas e nos detalles da vida que se vive e non é virtual.