Cunqueiro, a Cova e a Catedral
A Mariña
Opinión
25 Jul 2017. Actualizado a las 05:00 h.
Son moitos os que opinan que os principais recursos turísticos de Mondoñedo son a Catedral e a Cova do Rei Cintolo. Eu non lles vou sacar a razón, pero permítanme que engada outro máis: o xenial fabulador Álvaro Cunqueiro. Cunqueiro, ademais de cultivar con grande éxito tódolos xéneros literarios, tamén escribiu guións para radio e a televisión e deixou traballo adiantado para o cine. O director Guerín Hill rodou, en base a texto de Don Álvaro, en 1966 un documental titulado “Galicia” no que se facía un percorrido histórico polo país. Nese mesmo ano, o mindoniense escribiu o guión de “Xantares”, un capítulo pertencente á serie de Televisión Española “Conozca usted España”. Nondebemos esquecer que no 2011 Antón Dobao dirixiu a adaptación para a gran pantalla da novela cunqueiriana «Se o vello Sinbad volvese ás illas» e, ademais, A primeira tvmovie que se filmou en Galicia, “Novo de Parmuide” (1987), dirixida por Roberto Vidal Bolaño, está inspirada nun personaxe de Cunqueiro ao igual que os seis capítulos da serie de ficción “Os outros feirantes” que foi a primeira que emitiu a Televisión de Galicia.
A Catedral da Asunción aparece na práctica totalidade das grandes producións cinematográficas e audiovisuais filmadas en Mondoñedo. Desde a primeira do ano 1929, “Un viaje por Galicia” ata as máis recentes “Miranda, mítica e real” (2013), “O incerto Señor Cunqueiro” (2011), “O Mariscal. Mito, lenda e realidade” (2007-2009), “Terras de Miranda” (2001-2007), “Mondoñedo, unha sentimental fantasía” (1996), “Del Miño al Bidasoa” (1990), a xa citada “Novo de Parmuide” (1987) e, por suposto, en “Flor de Santidad” (1973). Ben seguro que “Arima”, que se rodará o vindeiro outono, non deixará de lado a basílica.
A primeira incursión dunha cámara de cine na Cova do Rei Cintolo tivo lugar a comezos da década dos 80. Un equipo de TVE encabezado polo xornalista Xosé Manuel Orriols rodou en 16 milímetros o interior da cavidade de Supena na que, ademais de fixar en celuloide as principais salas e galerías da gruta, tamén quedaron rexistradas entrevistas a Mario Bahamonde, Javier Río e Alfredo Losada, membros do grupo de espeleoloxía local “Topos”. Esta reportaxe emitiuse en galego no programa “Panorama de Galicia” e tamén nunha versión en castelán en “Informe Semanal”. Parece lóxico que o que hoxe son os principais valores de atracción turística mindonienses tamén resultaran de interese para o cine e o audiovisual e, ben seguro que, o feito de apareceren na pequena ou na gran pantalla axuda a que cada vez sexan máis os visitantes interesados en coñecelos.
Mondoñedo este verán esta “de cine”, gocémolo.