«Era necesario seguir coa ACIA Burela, a unión é importante para o pobo»
A Mariña
A nova directiva quere presentarse ante os asociados e exporlles as súas intencións e iniciativas
09 Feb 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Miguel Flórez Seivane é desde antonte o novo presidente da Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos-Centro Comercial Aberto de Burela. É o cuarto en ostentar este cargo -tras Marco Antonio Ínsua, Pedro Fraga e Rubén Pinín- desde que o colectivo se reconstituiu no ano 2011. Flórez ten a misión de dirixir unha asociación formada por máis de 150 socios de diferentes sectores económicos. Preside unha directiva da que forman parte oito membros.
-¿Xa puxeron data para reunirse coa anterior directiva e facer o traspaso de poderes?
-Non, aínda non.
-Aínda que só pasaron unhas horas desde que saiu elixido como presidente, ¿teñen pensado facer unha reunión para presentarse aos asociados?
-Sería interesante que nos puidésemos presentar a todos e tamén dar a coñecer as nosas intencións e iniciativas. De momento, é moi cedo. Temos que agardar a reunirnos coa anterior directiva para ter acceso a todos os datos de contacto dos socios e a outra información.
-O nomeamento desta directiva chega xusto co Carnaval e coa Festa dos Namorados, ¿cal é a seguinte campaña na que poderían iniciarse?
-A do Día do Pai, pero tamén está encima. Sabemos que temos moi pouca marxe de manobra.
-¿Por que decidiu dar o paso e asumir as rendas?
-Era necesario seguir coa asociación, a unión é importante para todos, para o pobo. Como asociación sempre hai máis apoio e a unión permite sacar adiante campañas e iniciativas que son boas para as empresas, para os veciños... Eu fun un dos que na reunión do día 31 me ofrecín a seguir adiante.
-¿Asume o reto con ilusión?
-Collémolo con esperanza e intentaremos facelo o mellor posible que poidamos e atender aos diferentes sectores. Sería unha pena que despois de tanto traballo e esforzo, a ACIA Burela se desfixera.
-¿Ten experiencia en cargos directivos de asociacións de comerciantes?
-Non, é a primeira vez. Levo dous anos co meu negocio (Nora Moda).