La Voz de Galicia

«A Viveiro vou con Touriñán e dende hai un mes xa non quedan entradas»

A Mariña

yolanda garcía burela / la voz Actor e humorista galego

Este domingo poderemos gozar en Burela dun repaso aos  mellores monólogos de Carlos Blanco

09 Mar 2018. Actualizado a las 05:00 h.

O humor de Carlos Blanco é deses que cala fondo na xente e que vai espertando o sorriso pouco a pouco ata acabar noutras formas de expresión dese humor galego que todos levamos dentro. A Mariña ten a fortuna de velo de novo en directo, enriba do escenario, este domingo en Burela. Pero agárdanos un trimestre no que vai estar máis que moi presente o humorista e actor galego. En Viveiro, en abril, dobra función no mesmo día, o 14, con Touriñán en Somos criminais. A «mala nova» é que as entradas están esgotadas. Aínda que si quedan para ese mesmo espectáculo, o 15 de xuño, de novo en Burela.

-Moitas citas con vostede na Mariña. Aínda vai ter que domiciliarse por estas terras.

-Non teño intención de moverme da Illa de Arousa en canto a residencia. De 60 actuacións que teño neste trimestre, dúas son en Viveiro e en Burela. Non me podo queixar...

-É dicir «vén Carlos Blanco» e moitos compran entrada xa cos ochos pechados, non?

-É o que se chama ter público. Faime graza o son das máquinas de escribir [fai esta pausa na conversa mentres pillo nota á vez que o seu son de fondo é un vento forte]. Hai quen ten leiras e quen ten público, pero cada un vive do seu. Cando chegas a este punto, tes un público que te ve e volve.

-Algún seguidor especial?

-Non, pero hai xente que di que é o meu seguidor número un...

-Ningún lle pedíu un autógrafo nunha zona «estrana»?

-Non sei a que te refires por «estrana»... Por sorte, pídenme autógrafos e fotos.

-Agora vémolo na tele no gran papel de Laureano Oubiña en Fariña.Tremendo papel!

-Creo que é un nivel actoral alto. Polo menos, tanto aquí como as críticas que saíron en toda España parece que resaltan iso. Vemos actores como Tristán Ulloa, ou Durán Morris... o resto somos caras novas para eles, aínda que teñamos feito cousas por aí.

-Que tal a experiencia como actor e humorista fóra de Galicia?

-Ben. Teño rodado varias películas en Cataluña, tiven un papel en Volver de Almodóvar, nas series El comisario ou Lobos que non triunfou pero foi espectacular con Sancho Gracia, Cayetana Guillén-Cuervo e Miguel Ángel Solá. O representante dicíame que me tiña que ir a Madrid. Tentoume pero non, quedo en Illa de Arousa. Compañeiros meus en Fariña com Javier Rey ou Tamar Novas teñen por alá a residencia pero á miña idade eu estou acostumado á tranquilidade.

-Falemos da cita en Burela.

-Creo que farei un repaso dos meus mellores monólogos e dun que tivo moita repercusión, «GaliZara». Foi un éxito. Estaba en Irlanda e vin que se facía viral. Aproveitarei tamén o de Fariña.

-Con guion ou sen guion?

-Levo moito máis guion do que parece. Realmente sabes que hai un traballo detrás. O bonito é que parece que sae no momento.

-E con Touriñán verémolo tanto en Viveiro como en Burela.

-É diferente porque levamos un texto alleo que escribíu Xosé Prieto e temos de director de escena a Tito Asorey. É algo máis teatral e elaborado. En Burela o auditorio ten moita máis capacidade. En Viveiro dende hai un mes xa non quedan entradas.

-Fai falla moito humor hoxe...

-Sempre fai falla o humor e compróbase na resposta do público.


Comentar