La Voz de Galicia

Fernando Suárez: «Se me vou presentar outra vez só o sabemos a miña muller e eu»

A Mariña

josé alonso ribadeo / la voz

«Non penso se fago amigos ou inimigos. A min votáronme para gobernar; para temperar gaitas poden poñer a outro», siñala o alcalde de Ribadeo

07 Sep 2018. Actualizado a las 20:37 h.

Cando lle preguntas a Fernando Suárez, alcalde de Ribadeo, sobre o seu futuro na política tralas diferenzas co BNG, saca a relucir toda a retórica (e non lle falta) para eludir concrecións. En Ribadeo ninguén o sabe. Imposible collelo nun renuncio. Probo unha vez máis. Calquera escusa serve. Tamén as festas.

-Serán estas as súas últimas festas como alcalde?

-(Rise). Non me preocupo diso. Preocúpome de cumprir o mandato e de responder á confianza que os ribadenses depositaron en nós no 2015. Vivimos o día a día.

-Pero os veciños pregúntanse que vai facer.

-Queda aínda moito; nove meses, un embarazo. O meu pensamento está na residencia, en amañar os camiños, en seguir poñendo a Ribadeo no mapa...

-Non me responde. A ver así: cando o pensa anunciar entón, cando falten quince días para as eleccións?

-(Rise de novo). De verdade, non penso que nada sexa importante máis aló de seguir traballando para facer de Ribadeo unha estreliña que cada vez brille máis.

-Permítame unha pregunta persoal. Ninguén do seu círculo íntimo sabe se se vai presentar outra vez á alcaldía?

-Si. A miña muller.

-Daquela xa o ten claro, aínda que non o diga... Cambiemos pois de tema. Un verán regular?

-Non. Nestes últimos anos incrementamos en miles o número de visitantes. Iso non pode ser eterno. Vai chegar un momento no que toquemos teito. No que temos que mellorar é en que sexa un turismo con máis recursos, que quede máis días, que é no que estamos traballando. En xullo houbo un pouco de baixón, pero en agosto compensou.

-Tamén hai quen di que nestes últimos anos se está volvendo máis inflexible. Facendo amigos?

-A min puxéronme para gobernar, para temperar gaitas poden poñer a outro. Ás veces gobernar ten momentos difíciles, cando tes que ordenar certas cousas que xeran polémica pero que despois, co tempo, vese que foron moi positivas. Coa política de rehabilitacións, por exemplo, tacháronme de ser pouco menos que Fidel Castro, pero agora é un modelo e o casco vello está aí para velo, como a cantidade de rehabilitacións en marcha en Ribadeo. Sei que o das cortas de eucaliptos hai xente á que non lle gusta, pero dentro de dous ou tres anos Ribadeo será modelo tamén niso e o risco de incendios verase moi reducido. Hai máis de dez anos, cando no BNG nos opuxemos ós proxectos de urbanizacións, tivemos moitas presións, pero hoxe todos están de acordo co que fixemos. E así moitas cousas.

Non penso se fago amigos ou inimigos. Penso en sentirme honesto co meu traballo, que consiste en que a xente se sinta orgullosa de vivir en Ribadeo.

-Como co novo asilo.

-Máis aló dun soño colectivo é algo no que vimos traballando cada día, sen falta, dende hai cinco anos. Confío en que abra a principios de ano.


Comentar