«Imos poñer na rúa libros que non terían oportunidade neste momento»
A Mariña
A empresa de Viveiro acaba de crear o selo editorial Lar Libros para facer microedicións
14 Oct 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Logo de máis de trinta anos de actividade dando servizo gráfico a editoriais, organismos oficiais, organizacións cidadás ou autores independentes, a empresa viveirense Publilar, S.L. dá un innovador paso máis coa creación dun selo editorial, Lar Libros, como explica o seu propietario, Manuel López Martínez.
-En que consiste o novo proxecto?
-As editoriais cada vez son máis restritivas á hora de publicarlle un libro a alguén. Tanto ten que sexa unha novela, un ensaio, un libro de viaxes, un de poesía... E cada vez había máis xente que recorría a nós para facer unha autoedición. É dicir, vén a persoa interesada, facémoslle a edición, os exemplares custan tanto e fai con eles o que quere. De feito levamos xa uns cantos publicados.
-Ademais de custoso, autoeditar un libro non parece unha tarefa fácil...
-E non o é. A día de hoxe, un particular que queira obter un ISBN ten que pasar un calvario cubrindo ata documentos fiscais, etcétera. E para obter un depósito legal é algo menos, pero tamén é complicado. Entón nós creamos un selo editorial, que é Lar Libros, e todo iso témolo resolto porque nós estamos dados de alta no epígrafe como editorial. Loxicamente Lar Libros é un selo editorial propiedade de Publilar, S.L. que nos vai permitir facer microedicións. Do mesmo xeito que Publilar, S.L., como empresa comercial que é, debe render uns beneficios para manter a súa supervivencia, a Lar Libros, que é unha cousa moi pequeniña alí dentro, case como unha editorial de xoguete que ten creada unha conta bancaria dentro de Publilar, non lle pedimos beneficios: só que non nos custe diñeiro.
-Que gañan entón?
-Digamos que as satisfaccións son doutro tipo, como ter a de poñer un libro coma este [ensina un exemplar de O comercio marítimo da Ría de Ribadeo nos séculos XVI e XVII, de Chemi Lombardero Rico] na rúa.
-Por que se animan neste momento?
-Hoxe temos medios técnicos para facer microedicións, que se fan con sistemas dixitais, de vangarda, porque o sistema convencional offset, que rogamos por que siga existindo porque é do que vivimos, non o permite. Tendo os medios, utilizámolos para facer estas pequenas incursións no mundo editorial, o que nos vai permitir poñer na rúa títulos que doutra maneira neste momento non terían ningunha posibilidade, como este, que é un ensaio histórico espectacular con cantidade de datos e que se pode ler case como se fose de narrativa; pero que ao público ao que lle pode interesar é minoritario.
-Recentemente editaron «Galdo, o que queda na memoria», que foi todo un éxito...
-Xa foi editado por Lar Libros, pero comprou a edición a Deputación, que tamén comprou parte da nova edición de As Covas do Rei Cintolo, de Daniel Cortezón e Suso Pena.
-Onde se poden comprar?
-Na edición convencional, o percorrido dunha obra é: editorial, , librería. O que facemos nós é ofrecerlle un desconto comercial superior ao habitual ás librerías que os queiran, que os teñen que comprar a través do noso portal: www.libroslar.com. Non temos nada en contra do intermediario, pero se fosemos a través del non sería viable facer estas microedicións.