La Voz de Galicia

A Gala do Deporte Galego premiará a Monteserín e a Guillermo González

A Mariña

s. corral ribadeo / la voz

El ex remero olímpico y el miembro del Praias de Barreiros serán distinguidos el martes

08 Nov 2018. Actualizado a las 05:00 h.

O vindeiro martes celebrarase a Gala anual do Deporte Galego en Santiago de Compostela; dous mariñanos serán recoñecidos nesta gala, o ribadense Mauricio Monteserín, que foi remeiro olímpico, e Guillermo González López, do Praias de Barreiros.

Ambos os dous terán o recoñecemento aos Méritos Deportivos da Xunta de Galicia.

O próximo martes día 13 de novembro ás 19 horas o deporte galego ten unha cita no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela; alí vaise celebrar como dicimos a Gala do Deporte Galego.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo e a Secretaria Xeral para o Deporte, Marta Míguez, serán os encargados de facer a entrega dos 26 recoñecementos deportivos a clubes, colexios, directivos, deportistas, etc, todos eles cunha traxectoria deportiva que xustifique este galardón.

Entre os 26 galardoados están grandes coñecidos do mundo do deporte como e o noso veciño de Ribadeo, Mauricio Monteserín, que foi remeiro olímpico en varias edicións; Ismael Santos, xogador de baloncesto que militou nas filas do Real Madrid e da selección española de baloncesto; Pepe Casal, primeiro foi atleta, logo adestrador, secretario técnico e mais tarde pasaríase para a faceta de preparador físico, na que podemos destacar o seu traballo con grandes deportistas como Juan Carlos Navarro e Pau Gasol; Colexio Peleteiro e un longo etc, entre os que tamén estará Guillermo González López.

«Este home, logo de sufrir un duro accidente practicando un deporte dos que mais amaba, xuntou todas as forzas que puido e mais para dedicar practicamente a súa vida ao deporte», explican desde o clube Praias de Barreiros.

«Fixo funcións de directivo, delegado, utillero, persoal de mantemento, e un longo etc en clubs como poden ser o Iberia CF, Cadramón Lux FS, Ribadeo FC, e actualmente sigue no Praias de Barrerios CD como directivo, pero calquera axuda que se lle pide, Guillermo esta aí para arrimar o ombro», continúan sinalando desde o clube barreirense.

«Todas e cada unha das persoas que forman esta gran familia do Praias de Barreiros, queremos darlle os parabéns por este galardón tan especial que será entregado a Guillermo, e agradecer os responsables de Deportes da Xunta este recoñecemento».


Comentar