Carlos Nuevo: «Gustaríame aburrirme un pouquiño»
A Mariña
Hoxe pecha no CEP Lois Tobío de Viveiro toda unha vida de amor á docencia e á aprendizaxe
21 Dec 2018. Actualizado a las 05:00 h.
Esta é unha semana chea de emocións para el, pero sobre todo un punto e aparte para enfocar a vida dende a cámara lenta. O «director» desta nova película vital é Carlos Nuevo Cal (Viveiro, 1956), quen hoxe afronta o seu último día lectivo como profesor no CEP Lois Tobío de Viveiro. Xubílase voluntariamente aos 60.
-Con que ánimo afronta esta nova etapa da vida ao xubilarse?
-Realmente co ánimo de sempre, de toda a vida. Non a vou a diferenciar. Son unha persoa acostumada a traballar todos os días. Levo traballando dende moi novo, aínda que vas cambiando. Non eres o mesmo, evidentemente. E creo que temos moitas vidas dentro dunha vida.
-Coñecémolo máis pola faceta de cronista oficial e a publicación de bastantes libros, as investigacións históricas... A vida lánzalle tamén a mensaxe de «frear»?
-Esa mensaxe sempre a tiven clara. Pero si, eu quixera se podo «parar» un pouco o tempo, aínda que o tempo non se pode parar evidentemente... gustaríame aburrirme un pouquiño, vivir pausadamente, retomar un pouco as etapas da nenez do aburrimento. Fai moitísimos anos que non me aburro. Tamén quixera retomar cousas iniciáticas, como facer un artigo ou un traballo sen présa. De cocción lenta, como ao principio cando empecei con vinte e poucos anos. Lembro que os rumiaba moito antes; tiña menos experiencia pero moita ilusión.
-Co tempo, foina perdendo?
-Non se vai perdendo, pero ao final a veteranía é un grao. Fas moitas cousas por veteranía, evidentemente. Non perdes ilusión, pero se perdes utopía de vida estás morto ao día seguinte. Eu teño unha lección que aprendín de meu pai. Perdeu unha guerra, salvou a vida de milagre, veu desterrado a Galicia e tiña unha máxima moi importante que era vivir o día a día. Un día máis, simplemente. E tiña a particularidade de ser unha persoa que os días máis grises pintábaos de azul. Se non había sol, inventábao. Sempre vía a parte máis bonita da vida. Pasoume ese positivismo a min directamente. De feito, quizás o que eu teña sexa forza de vontade para tirar para diante en momentos difíciles. Agora vou seguir investigando, con máis ganas, aínda que teño menos vista cada vez (sorrí) que xa se empeza a notar...
-Que balance fai do ensino?
-Para min o ensino foi a miña vida, de entrada. Foi o que me deu de comer, algo que recoñezo que me namorou, sobre todo o contacto coa rapazada. É xenial, dáche vida, súbeche rapidamente a bilirrubina no sentido en que son alegres, vitais... son vida. É algo fundamental. Logo deso, que vas vendo? Decepción pola Administración. Moi grande. Non é de recibo pasar, dende a Lei Villar Palasí de 1970, por todas as distintas reformas que pasamos; chámense Logse no 90, Loe ou a Lomce actual. É vergonzoso que os distintos partidos políticos non fosen capaces de chegar a un consenso educativo. Aparte diso, o máis grave para min é que nunca tiveron presentes aos actores principais da educación. Falo dos docentes, dos pais e dos alumnos. Sempre son técnicos os que cocen todo. Son teóricos. Pero a realidade é outra cousa. Hai grandes profesionais sobre todo en Primaria onde a formación pedagóxica e didáctica, en xeneral, é superior que na Secundaria.
-Que profesor foi vostede?
-Moi asequible, moi cercano aos alumnos, sempre aprendín moito deles, ao ver o curiosos e imaxinativos que son e a ilusión que teñen por aprender. A veces, sen querer, os mestres matamos moito as ilusións e a creatividade. A escola ten que educar para a vida, a pesar de que as novas tecnoloxías están aí. Son fundamentais pero non son a panacea. Son un complemento. Por outro lado, eu fago máis exames orais que escritos, para que os alumnos perdan medo e aprendan a expresarse. Non creo no exame clásico nin nas calificacións. Os rapaces teñen moitas máis potencialidades que todo iso. Coñezo perfectamente aos meus alumnos, polo día a día. O que importa é que os rapaces teñan espírito crítico, saiban redactar, ver, falar e que sexan persoas con valores, non só con conceptos. Esa é a clave.