La Voz de Galicia

Xavier Fonseca fala este venres con rapaces de Cervo e Xove sobre a súa próxima viaxe á Antártida

A Mariña

lucía rey cervo / la voz

O meteorólogo e autor da sección «Historias del tiempo» en La Voz analizará o cambio climático nos dous IES

29 Nov 2019. Actualizado a las 15:12 h.

Vintecatro horas despois de que o Parlamento Europeo declarase a «emerxencia climática» advertindo da necesidade de actuar con celeridade para frear o quecemento global da Terra «antes de que sexa demasiado tarde», o meteorólogo e divulgador científico Xavier Fonseca (Cangas, 1982) estará este venres en Cervo e en Xove para falar sobre o cambio climático. O responsable da sección «Historias del tiempo», de La Voz de Galicia, acudirá a primeira hora ao IES Illa de Sarón, e máis tarde ao IES Marqués de Sargadelos, onde compartirá información con rapaces de varios cursos da ESO e de Bacharelato. «Marcho en xaneiro á Antártida e voulles falar sobre iso tamén. Preguntarlles se saben que pasa na Antártida, se cren que o que pasa alí afecta a Galicia, e o que pasa en Galicia afecta á Antártida...», explica Fonseca, que está preparando un doutoramento sobre un continente cuxa superficie diminúe continuamente debido o quecemento do planeta.

 

«Fálase pouco sobre o tema»

Acostumado a dar charlas a escolares e adolescentes, o especialista detecta que falta concienciación real. «Na experiencia diaria si noto que os rapaces non entenden o cambio climático, non saben cal é a orixe nin cales son as consecuencias... Non falan o suficiente sobre o tema, o coñecemento é moi limitado en cuestións básicas. E os medios, igual que o sistema educativo, temos moita responsabilidade», indica.

«O cambio climático é maior ameaza á que se enfronta a Humanidade, e nos centros noto que ninguén sabe de que vai a cousa nin preocupa demasiado»

Xavier Fonseca, meteorólogo

 

«O clima de Galicia de toda a vida está cambiando, pero vivimos de costas á natureza»

Xavier Fonseca observa con tristura como «vivimos de costas á natureza». «Está clarísimo que en Galicia estamos notando o cambio climático. A corrente en choro estase debilitando e está volvendo tolo o tempo. Agora pasamos situacións extremas: vagas de frío, vagas de calor... Galicia é terra de borrascas, pero ese debilitamento fai que agora nos cheguen os efectos dos furacáns, das tormentas tropicais...», reflexiona o divulgador. En relación co cambio climático, di, hai dúas pautas: mitigar o noso impacto medioambiental, e adaptarse o clima, que está cambiando, e que traerá fortes cambios en sectores como a gandeiría ou o turismo.


Comentar