«Esta é unha comarca con alta cohesión cultural e no eido popular, moito máis»
A Mariña
Antonio Reigosa achega á Feira do Libro de Foz "Guía de campo da Galicia encantada", "Contrahistorias de Galicia" e "Cen historias máxicas pola Mariña encantada"
19 Aug 2020. Actualizado a las 21:35 h.
Unha das feiras do libro en pé neste verán da Mariña é a de Foz. Inaugúrase este xoves 20 ás 19.00 na Praza de Conde Fontao (aberta ata o domingo 23, en horario de 17.30 a 22.00). Organiza Federación de Librarías de Galicia un evento coas medidas de seguridade e ao que darán vida lectores para descubrir ou redescubrir escritores como por exemplo Antonio Reigosa. Chegará con tres publicacións debaixo do brazo este vindeiro venres: Guía de campo da Galicia encantada, Contrahistorias de Galicia e Cen historias máxicas pola Mariña encantada. Aquí conversa das dúas últimas.
—«Contrahistorias de Galicia» foi ilustrada por Rita Gutiérrez.
—Cando o editor me ensinou as primeiras probas, dixen «que fantasía!». Digamos que é un mérito engadido descubrir a alguén tamén da ilustración(...) É o primeiro libro que ilustra e, dende o meu punto de vista, ten un futuro espléndido como ilustradora.
—Texto con ilustración abunda máis na literatura infantil.
—Este non é un libro infantil, ainda que o pareza a primeira vista, pero ten un afán divulgativo e intenta ser unha edición atrativa. Creo que podería axudar ao debate de cuestións do presente ainda que sexan históricas no mundo da escola, dende o tema do sexismo, a inclusión, as crenzas relixiosas... En definitiva, busquei tamén ese lado. A historia ten moitas maneiras de lela e esta é outra. Aí está, por exemplo, por contar cousas da Mariña, a da moza de O gardarríos.
—Outros relatos mariñáns son do torque de Burela, da «bandoleira» ribadense Antonia Díaz...
—Tamén sae o amor xuvenil de Pascual Veiga [Eustorgia Acebo], o Merlín de Cunqueiro, un personaxe que formou parte da miña vida... Paréceme que a historia do mundo está aí, na historia da xente(...) Son personaxes que me interesan dende sempre.
—«Cen historias máxicas pola Mariña encantada» (Lar Libros) é unha viaxe pola Mariña de encantos, milagres, seres e lendas e lugares, que ilustra Neira Brochs.
—Digo que é unha antoloxía, que en certa medida é, pero fundamentalmente quixen dárlle variedade territorial e temática. É dicir, que todos os seres da mitoloxía popular e seres reais mitificados que poden ser significativos estean presentes, pero non agotar a temática. A ver se hai sorte e isto abre ánimos a outra xente para investigar o seu entorno ou que se traballe nas escolas (...) As personaxes están aí. Nalgúns casos son coñecidas pero non pola parte mítica e outras están absolutamente esquecidas e ao redor hai unha sociedade que instrumentaliza o que lle interesa. Pardo de Cela (é u dos capitulos extensos) foi mitificado, ao que se lle atribuíron capacidades coma os mouros e a veces coma os santos. A nivel popular, é un mito absoluto. E a nivel político, é un instrumento de intereses ideolóxicos. Hai dous Pardos de Cela e paralelos.
—Moitas das lendas desaparecerían se non se conservaran así.
—Na escola poderían plantexarse cuestións como: existiu San Gonzalo?, como era Pardo de Cela?, quen son os mouros? E explicar que significan socialmente(...) Tamén creo que os programadores culturais e turísticos se deberan fixar no patrimonio material en xeral porque a veces están ligados a lugares de interese paisaxístico [exemplo, san Gonzalo e a basílica de San Martiño].
—Fronte a moitos traballos individuais agradécese ver un coma o da Mariña «encantada», sumando valías artísticas e culturais nosas, aquí con Lar e Brochs.
—O percorrido profesional de Neira é ben coñecido e a el facíalle moita ilusión ilustrar un libro destas características(...) Cultural, xeografica e historicamente A Mariña é unha. É unha comarca cunha alta cohesión cultural e no eido popular moito máis.