Carme Rodríguez: «Collín o encargo da peza da Sinfónica de Galicia cunha ilusión tremenda»
A Mariña
Baseada nunha nana que lle cantaba a nai da compositora ribadense, será estreada o vindeiro 6 de xuño
23 May 2021. Actualizado a las 05:00 h.
Cun pé en Ribadeo e outro en Madrid e sempre «aberta a volver a Galicia definitivamente», a compositora ribadense Carme Rodríguez vén de dar o pregón das Letras Galegas na súa vila natal onde lembrou a nena que «quería facer algo serio e importante» e, paseniñamente, vai abrindo camiño nun ámbito de escasa visibilidade feminina: o da composición musical. Con logros diversos como premios (gañou o Concurso Internacional de Composición María de Pablos en 2020) ou ilusionantes e novos traballos no sector audiovisual, así como estrea en breve dunha peza súa pola Sinfónica de Galicia, feito que sucederá o 6 de xuño dentro do Festival RESIS, para o Proxecto 2020(21): «Fixeron 20 encargos a 20 compositores e compositoras galegos, de diferentes idades, territorios e estilos».
-Que formación tocará a peza?
-A Sinfonietta, unha especie de versión reducida da Sinfónica.
-Aínda que eran 20 os escollidos, iso non resta o mérito que ten.
-Ningún en absoluto porque, sobre todo, chámame a atención que eu estea presente nesa lista de 20 nomes, porque moitos son persoas con moita máis carreira ca min, máis experiencia, e non sería o primeiro encargo que lles fan. É como pertencer a unha lista de compositores de referencia e é unha honra estar ao lado deses 19. Penso que son a máis nova e mulleres hai algunha máis, pero seguimos sendo minoría.
-Que peza súa van estrear e como quixo enfocala?
-A peza titúlase «A voz no berce». Como collín o encargo cunha ilusión tremenda e coa previsión de poder estar traballando moitísimos meses, quería que fora o máis perfecto posible, que reflectise o que eu podo ofrecer. Plantexeimo como se fose unha carta de presentación, dicindo ‘esta é a música que eu fago’. Quixen, sobre todo, ser eu mesma, intentei seguir o que adoito facer para compoñer; gústame moito inspirarme e ter en conta o tradicional e popular, dentro evidentemente do meu estilo e das miñas sonoridades pero sen desprenderme nunca da raíz, da música tradicional. Esta, concretamente, baseeina nunha nana que me cantaba miña nai sendo eu pequena, popular, desenrolando estas melodías e converténdoas noutra cousa. O que me gusta é ver de cantos xeitos se pode dicir unha mesma cousa, cun pequeno detalle e modificación, sen perder de vista o peso da melodía tradicional.
-Aproveitou o tempo do confinamento para inspirarse?
-A chamada recibina en maio do ano pasado. Foi complicado... romantízase moitas veces o traballo do compositor a nivel de inspiración, cando o meu traballo é como o de calquera persoa; está lonxe dese glamur do artista. É verdade que me gusta moito organizar a primeira fase do traballo, investigar, ver o que quero dicir, e organizar o material. Realmente escribir música como tal son os últimos meses. Co tema das nanas tiven a oportunidade de investigar motísimo nanas de diferentes culturas e gustoume moito a dualidade que teñen, tamén na galega, de que son melodías de momentos moi emotivos pero teñen un compoñente de crítica social, de forxa dunha personalidade. Antropoloxicamente, resultoume interesantísimo. A miña peza non é unha nana como tal pero si que baseada nunha nana nunca fixera unha.
-Dedicaríalle un tema ao covid?
-Vin que o fixo moita xente pero a min resultábame... non sei, non me gustan esas obras que son tan lacrimóxinas, de meter o dedo na llaga. A nivel de utilizar este momento para iso e darlle máis voltas á situación, nin me gustaba a idea nin me xurdiu facelo.
-Forma parte tamén do programa de televisión «Prodigios», que presenta Boris Izaguirre.
-O programa xa rematou, pero está confirmada algunha edición máis. Volveremos, non sei cando, a traballar. Esta edición tivo moita presión polo covid precisamente, máis que edicións anteriores. É un traballo que me encanta, orquestar e arranxar as obras, hai que adaptar a realidade teórica das obras ao formato da televisión.