La Voz de Galicia

Lito Garrido, da Panorama: «A canción de Shakira non pode faltar pero os temas de sempre nunca fallan»

A Mariña

y. garcia xove/la voz

A orquestra, que acaba de chegar das fallas de Valencia, presenta este venres na Praza do Concello en Xove a súa nova xira, dentro do Iovis Music Fest a favor da AECC

30 Mar 2023. Actualizado a las 18:16 h.

Pillamos a Lito Garrido, vocalista da Panorama, despois dunha «experiencia diferente e bonita» da famosa orquestra galega nas fallas de Valencia, onde botaron un par de semanas actuando contratados por asociacións veciñais: «É un público entregado, era coma se estivésemos en Galicia». Preguntado sobre se atopa diferenzas entre tocar na outra punta da península e aquí, resposta: «Hai unha cousa en común e é que a xente quere pasalo ben e divertirse. Sempre facemos o noso repertorio e espectáculo moi variados, pero si que hai diferenzas entre zonas. Por exemplo, en Madrid e Valencia gusta máis o pop español e o merengue a cumbia non se levan tanto coma aquí, por Galicia e Asturias. Aquí tamén notamos que os de máis idade quedan atrás e os rapaces están diante, pero alá é ao revés. Tamén as asociacións reservan no recinto unha zona vip para os seus socios (algunha ten 600) e esa é a nota máis cambiante con respecto á festa galega».

—É que a festa en Galicia xa está no noso ADN, é patrimonio propio.

—Si, en Galicia estamos acostumados a levantar as mans. Noutros lugares chama a atención.

—Falemos de Xove, onde actúan este venres no evento Iovis Music Fest, a partir das 22.30 horas (tamén con Conxuro, Marcos Peón e David Expósito, e gala a beneficio da Asociación Española Contra el Cáncer). E presentan xira a nivel galego!

—Da xira... non quero adiantar moito. Esta vez facemos a presentación do Life & Music Tour. Despois de pasar o covid, recreamos como un mundo imaxinario, como se no futuro non houbera música nin vida; somos viaxeiros no tempo que volvemos aos tempos actuais para recuperar a música. Queremos xuntar música e vida, porque non hai vida sen música. Así, en canto ao no vestuario imos vestidos en plan antigo, como facía Julio Verne en Viaje al centro de la tierra [o espectáculo ten o lema Viaje al centro da música], o style back. Recuperamos cancións míticas e somos 22 persoas en escena, que ofrecemos un repertorio variado e alegre e, sobre todo, con moita interacción co público, buscando que a xente se divirta.

—Imaxino que a última de Sharika que foi viral a nivel mundial non poderán faltar, igual que un clásico como «Apaga o candil».

—A de Shakira non pode faltar. Hai que tocar todos os paus. Entendemos que temos entre o público xente de todas as idades. Agora ese é o tema de moda, pero no verán virán oturos. Entre os clásicos, sempre cantamos O candil, A Rianxeira e o Vals das mariposas. E Dolores se llamaba Lola de Os Suaves. Por certo, temos unha anécdota na primeira falla de Valencia. Os galegos estamos en todos lados... Había moito galego entre o público e tivemos que subir o telón e tocar Os Suaves. Os temas de sempre nunca fallan. O repertorio funciona cando a xente canta e saben igual a letra os de 15 que os de 60. Xa non se baila hoxe por parella, pero si que a xente canta.

—Estarán emocionados...

—Si, estamos coa ilusión de ver como funciona a nova xira. A ilusión do principio é o que nos dá forza para facer a xira.

As entradas para o Iovis Music Fest venderanse en taquilla este venres a partir das 17.00 horas, a un prezo de 15 euros. Orgnaiza Espectáculos Pico S.L. e Espectáculos Meitín. Colabora Concello de Xove e La Cívica. Menores de 12 anos entran gratis e menores de 16 anos deben acudir acompañados dun responsable adulto.

 


Comentar