La Voz de Galicia

Roberto Vilar «petouno» cunha súper-festa nunha leira a carón da súa casa á que asistiu Alfonso Rueda

A Mariña

A gran festa de Roberto Vilar na leira da súa nai

Foi en San Cristovo, en Xove, cunha gran asistencia de veciños e público; entre eles, Alfonso Villares, Javier Arias, Demetrio Salgueiro, César Aja, os organizadores do Resu e compañeiros da TVG

15 Jun 2024. Actualizado a las 13:35 h.

O humorista mariñano e presentador de TVG Roberto Vilar tiña onte á noite unha cita moi especial: unha gran festa na leira da súa nai, a carón da casa familiar en San Cristovo, en Xuances (Xove), para despedir diante dos seus veciños a súa xira Celebreixon, coa que conmemora os 30 anos na comedia. Foi gratis, houbo unha notable asistencia de veciños e de público, con bochinche incluído e zona para aparcamento. 

Acompañábano 12 músicos e actuaba tamén Toñito de Poi. E non faltou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que se achegou ata o lugar desde Madrid. De feito, o espectáculo retrasou o comezo para lle dar tempo a chegar ó presidente da Xunta. Tamén asistiu o conselleiro do Mar, Alfonso Villares; o delegado da Xunta, Javier Arias; o alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, e algúns concelleiros; o ex alcalde de Viveiro, César Aja, os organizadores do Resu e compañeiros de Roberto Vilar da TVG. O propio Vilar e os músicos que o acompañaban no show chegaron en tractor.

Tiña comentado na Voz e na TVG nos días previos que era algo moi especial para el por ser na súa casa e cos seus veciños. Unha súper-festa, e así foi. Pechou a súa xira da mellor maneira, cos seus, co pai e a nai véndoo desde a ventá da súa casa. E veciños do lugar que levaron as súas banquetas da casa para ver comodamente o show, algún ata manta tamén porque refrescaba. 

Roberto Vilar falou da súa familia, da súa infancia e xuventude con moitas anécdotas e chistes acompañado de moi bos músicos e a actuación final de Toñito de Poi. Un espectáculo que quizais tiña soñado de neno R. Vilar ou que acaso nunca imaxinara que ía ser. E foi. 


Comentar