La Voz de Galicia

Fran Cajoto, alcalde do Concello de Foz: «É obriga pensar en regular o turismo e no seu equilibrio»

A Mariña

y. garcia foz / la voz

O rexedor local focense confirma un verán máis que a temporada alta turística triplica a poboación local, marcando un reto en canto a actuacións necesarias en vivenda e servizos, incluso en axenda

13 Aug 2024. Actualizado a las 18:54 h.

Foz é un dos concellos con retos turísticos importantes de futuro, tendo en conta xa o presente.

—Como vai o verán?

—Climatolóxicamente non foi o mellor dos que levo como alcalde, pero visto as vagas de calor que hai no resto de España... Isto é un paraiso! O tempo é especialmente bo e hai unha ocupación similar á do ano pasado, según nos trasladan os negocios.

—Sempre se dá unha cifra: de que a poboación se triplica nesta época do ano.

—Si, estamos no mesmo nivel. Hai que ter en conta que temos empadronados case 10.600 habitantes e temos máis de 10.600 contratos de agua, o que dá conta do volume de poboación. Estamos a falar en que no verán hai entre 2,5 e 3 persoas por fogar. Triplicar a poboación repítese ano tras ano e os negocios da hostalería que están abrindo, así como de hospedaxe, ou a apertura de baixos como aluguer vacacional, aparte de cámpings instalados no pobo habendo dúas zonas en construcción para cabanas e bungalows, demostra que o turismo, ano tras ano, avanza positivamente. Tamén nos obriga a pensar na regulación. Foz busca o equilibrio.

—Como se pretende facer?

—Podo adiantar a conformación dunhas xornadas de estudo co sector profesional do turismo en Foz para regular, digamos, a convivencia entre o turismo e o residente habitual. Hai distintas liñas de actuación. Falamos do estacionamento, como tamén da propia vivenda. Dentro desta, cobra especial relevancia que marco de convivencia establecemos para a cohabitación de pisos turísticos e de residencia habitual. Hai distintos modelos. Foz ten que buscar o que máis encaixe coa propia idiosincrasia do pobo e sempre escoitando a todas e todos, pero pensando en que debemos conseguir un equilibrio, de forma que haxa prezos asequibles e pisos dispoñibles para aluguer como vivenda de todo o ano, porque non podemos perder a oportunidade de aumentar a poboación con quen queira establecerse en Foz. Debemos pensar en que o aumento do prezo dos baixos comerciais pode provocar tamén un retroceso ou frear o desenrolo que tén que ter o comercio local. O que non queremos é que Foz se convirta soamente nun destino vacacional, senón que teña tamén unha vida propia.

«Cobra especial relevancia que marco de convivencia establecemos para a cohabitación de pisos turísticos e de residencia habitual»

—Lembramos os problemas co abastecemento da auga do ano pasado.

—En Foz temos un estrés hídrico en vacacións porque o consumo de auga aumenta exponencialmente, e sufre tanto a potabilización da auga que bebemos como a depuración das augas residuais. Nese sentido estamos traballando na construcción da nova depuradora, que capitanea Augas de Galicia con fondos europeos (é unha actuación de máis de 13 millóns de euros) e a potabilización, na que a concesión do ciclo integral da auga estase a tramitar administrativamente, avanzando positivamente, que inclúe 1,2 millóns de euros a invertir nas plantas potabilizadoras e financiamento adicional para a mellora da rede de distribución.

—Pregunto xa polas festas, concretamente as de San Lourenzo. Como as vive?

—Agora mesmo como alcalde teño que vivilas dun xeito distinto: traballando. O Concello, precisamente, cando máis traballo tén é en verán. As festas tócanos, por tanto, vivilas dende o lado do traballo e non do disfrute, pero evidentemente compartido con todos. Particularmente, disfruto, se falamos do San Lorenzo, dos fogos de artificio que é unha delicia velos e é un fito fundamental do verán e de toda a comarca, e tamén dos pequenos concertos e actuacións que facemos na rúa, incluso fóra dos días de verbena. Se de algo pode presumir Foz é da programación variada que fai durante todo o verán.


Comentar