La Voz de Galicia

Xoán Carmona: «A privatización de Alcoa, tal como se fixo, conlevaba uns riscos terribles e os intereses da Mariña quedaron lonxe»

A Mariña

Ramón González Rey
Xoán Carmona, durante unha conferencia

O historiador repasará no Foro Económico viveirense a evolución da comarca, que estivo «na vangarda da industrialización en Galicia»

12 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Catedrático de Historia e Institucións Económicas na Universidade de Santiago de Compostela, Xoán Carmona Badía (Vigo, 1951) repasará o sábado no Foro Económico de Viveiro as transformacións económicas da Mariña lucense. Unha «área económica moi definida», afirma, «cunha identidade clara a partir de relacións intensas» entre sectores e vilas.

—¿Cal foi a evolución da Mariña no apartado económico?

—Esta comarca é unha das bisbarras de Galicia con máis tradición industrial, que vén de moi atrás. A finais do século XVIII, antes da chegada de Raimundo Ibáñez, ese triángulo Ribadeo-Mondoñedo-Viveiro tiña xa unha importante actividade manufactureira no téxtil, estamos a falar da zona galega, xunto coa de Santiago, máis importante neste eido. Na siderurxia estaba Sargadelos, o primeiro alto forno privado da historia de España. A partir do 1805, aproximadamente, xa temos aquí primeira industria fabril de cerámica de uso popular no Estado. Daquela falamos de que se estaba á vangarda na industrialización española, e ademais dun xeito autónomo, pois eran empresarios locais quenes impulsaban estes proxectos. Se isto non se tivese truncado, hoxe a capital industrial de Galicia non sería Vigo, senón Viveiro.

—Cando acabou ese esplendor?

—A partir de mediados do século XIX hai unha marxinalización relativa. De ser a punta de lanza da industrialización en Galicia, A Mariña pasou a ser unha zona que se desinflou: Sargadelos pechou no 1875, desapareceu a industria téxtil local, pois o liño mariñao afundiuse ante o algodón catalán, e acaba unha época. Queda a actividade do coiro en Viveiro, algo de salga en Celeiro ou Foz, pero comparado co que había antes era pouca cousa.

—En torno ao 1900 houbo un novo ciclo positivo.

—Desde o 1890, cando a Revolución Industrial chega verdadeiramente a Galicia, coa conserva ou o aserrado mecánico da madeira, a industria moderna céntrase nas Rías Baixas. Celeiro cobrou importancia nos anos 20 e 30 do século XX como centro conserveiro, pero parte destas fábricas xa eran iniciativas que viñan de Vigo. No ámbito da cerámica, Cucurny restaurou en parte a tradición neste eido. Pero principalmente houbo dous pequenos liderados. Por unha banda, a primeira central hidroeléctrica de Galicia instalouse no 1893 en Viloalle, en Mondoñedo. Por outra, comezaron a fabricarse carrocerías e pezas de automóbil en Chavín. Todas estas iniciativas fan da Mariña un foco de industrialización, quizais nun segundo chanzo. Pero hai un matiz: agás a de Chavín, estas empresas xa non son cousa de xente do lugar, senón doutra que vén de fóra.

—A enerxía traería despois unha nova industria.

—Á altura dos anos 60 hai unha diversificación industrial en Galicia, ligada á enerxía, o gran activo que había. Citröen instalouse en Vigo pola fiabilidade do abastecemento eléctrico. Na Coruña móntanse as fábricas de grafitos e de aluminio, que vai ser un potencial cliente de calquera factoría de alúmina. Aí vanse facer desde as Administracións públicas unhas predicións da demanda de enerxía a futuro, e xusto cando comeza a crise enerxética, no 1973, aparecen varios proxectos, como Alúmina-Aluminio. Tamén a frustrada central nuclear de Regodela, e Tafisa, que se ía converter na celulosa de Fazouro, e que orientou un modelo para a industria madereira. Neste ciclo novo tamén volveu Sargadelos da man de Díaz Pardo.

—O efecto positivo de Alúmina-Aluminio é evidente. Que impacto tivo a todos os niveis?

—A nivel de emprego, e de esperanzas de creación de empresas auxiliares, foi unha grande transformación. Por outra banda, agudizou o cáracter de enclave da industria da zona. Os sectores locais sufriron, ata o punto de que a industria da Mariña se identifica coa do aluminio, que tivo una evolución turbulenta. Tardou en abrir, cando abriu foi nun contexto moi malo, caendo a demanda de aluminio pola crise do petróleo, e a firma foi a suspensión de pagos, facéndose cargo o Instituto Nacional de Industria, ata que no 1997 o Goberno de Aznar a decidiu privatizar.

—Os historiadores lembran que as cousas poideron suceder doutra maneira. Cales foron os puntos de inflexión nesta evolución, as oportunidades perdidas?

—Por que Viveiro non é a capital industrial de Galicia? A finais do século XVIII, Campomanes, ministro de Carlos III, pensaba que, como había tantos teares en Galicia, esta ía ser a gran zona industrial moderna no eido do téxtil. Non pasou e ese foi o primeiro grande fiasco, porque se esas pequenas iniciativas rurais se tivesen centralizado en fábricas modernas, si sería A Mariña lucense o grande foco industrial e non Cataluña.

—E nun contexto máis recente?

—Sempre se di que o capital non ten patria, pero esta visión axústase pouco á realidade. Por iso falamos de industrias de enclave: un empresario quere ter un recoñecemento social, e iso non se pode mercar completamente. Que o empresariado sexa local inflúe sobre a localización industrial, e sobre todo cando hai problemas. É máis doado marchar se non ten implicacións persoais. Iso pasou coas conserveiras ou con Vestas, que fraqueou coa paralización do plan eólico. Outro exemplo é a privatización de Alcoa. Tal e como se fixo, tivo consecuencias, e de feito conlevaba uns riscos terribles.

—Que importancia tivo este acontecemento?

—A privatización de Alúmina-Aluminio, como outras que aconteceron na etapa de Aznar no Goberno, foi moi acelerada, pois a Administración cría nos efectos taumatúrxicos de privatizar. Fíxose con moito segredo, dunha forma extraña, cuns compromisos para subvencionar o prezo da enerxía ata o 2013, e penso que de aí vén o problema, que non se reservase unha parte para o Estado ou a venta fose con outras condicións. Os intereses da Mariña quedan agora lonxe. É preocupante a falta de investimento, amosa unha intención de exprimir os activos existentes. Estas empresas tan electrointensivas compiten nun mercado global, con países nos que a enerxía é case regalada. Cabe lembrar que San Cibrao xa non ten dous clientes preto, A Coruña e Avilés.

—Que perspectivas de futuro ten A Mariña?

—Todo está cambiando moi rápido. Agora mesmo hai cambios de liderazgo internacionais no aluminio pero é posible que os haxa en todos os sectores. Existe un elemento de políticas enerxéticas que funciona bastante ben, como ocorre coas renovables. O contexto actual de cambio conleva oportunidades, o que descoñezo é se será con esta empresa. A Mariña debera estar atenta. O problema será quen vai asumir ese liderazgo e se o fai ben.

—En que se pode apoiar?

—É difícil prever e eu son historiador (ri). O que está claro é que as empresas que mellor aguantaron as crises foron históricamente as de transformación da alimentación.


Comentar