Premio a Ibrahima ao esforzo e á superación persoal
A Mariña
23 Dec 2024. Actualizado a las 17:23 h.
Este pasado sábado, 20 de decembro, o exalumno do IES Perdouro Ibrahima Diambang Bourama recibiu en Santiago de Compostela o Premio de ESO ao esforzo e á superación persoal. Só se conceden 20 en toda Galicia e os entregados este sábado corresponden ao curso 23-24. Ademais do diploma de recoñecemento, o premio está dotado con 1.000 euros para cada un dos estudantes galardoados.
Ibrahima cursou 3º e 4º da ESO no IES Perdouro despois de chegar de Senegal e antes pasar por Fuerteventura e Santiago. Desde alí trasladárono a Burela, onde foi acollido e onde vive desde hai aproximadamente dous anos. Durante os dous cursos nos que se formou neste centro educativo mostrou moito interese polo estudo, colaborou na radio escolar, compartiu pista deportiva con compañeiras e compañeiros xogando ao fútbol, a súa principal afección, e mesmo fixo de monitor de artes marciais para o resto do estudantado.
Na actualidade está cursando o Ciclo Medio de Coidados Auxiliares de Enfermería no IES Monte Castelo porque quere axudar aos demais, algo que lle gustaría facer sobre todo no seu país.
Este premio ao esforzo e á superación persoal é un recoñecemento ás súas ganas de aprender, á súa constancia e á súa resiliencia tras todas as vicisitudes que foi vivindo desde que saíu de Fanda, a súa vila natal no sur de Senegal. Seguro que a súa familia estará moi orgullosa del. A súa familia do IES Perdouro tamén o está.
* Miruca Parga Valiña. Vicedirectora do IES Perdouro de Burela.