La Voz de Galicia

Javier Veiga: «A nova rapa das bestas da Pontenova non é para facer a competencia a ninguén, é unha oportunidade»

A Pontenova

y. garcía a pontenova / la voz PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN AQUUS NORTE

A asociación Equus Norte organiza a cita por primeira vez para o 20 de xullo no Alto de Neipín, con colaboración da gandeiría de Alejandro Salvaterra

22 Jun 2024. Actualizado a las 11:28 h.

Neste 2024 celebrarase o décimo aniversario da Asociación Equus Norte da Pontenova, entidade dedicada ao mundo do cabalo e a participar principalmente, e organizar, rutas ecuestres. Neste ano tan especial afrontan un reto das mesmas características, pois organizan a I Rapa das Bestas de A Pontenova, que será o vindeiro 20 de xullo no Alto de Neipín, grazas á colaboración e entrega ao mundo gandeiro local de Alejandro Salvaterra. «Ademais da propia rapa contaremos con música, demostración de doma e poderemos saborear unhas voas racións de polbo», avanzaron primeiro nas redes sociais. Parece que a iniciativa pioneira no municipio conta con moi boa aceptación e será un dos alicientes do verán, tralas clásicas de Candaoso en Boimente (Viveiro) e Campo do Oso (Mondoñedo). Antes da pandemia tamén se celebraba na Mariña unha terceira, a de Santo Tomé en O Valadouro.

—Que ben sumar festas novas!

—É algo novo aquí no pobo, que é un pobo pequeno onde a tradición que hai de rapas é mínima, non como na zona de Viveiro e de Mondoñedo, onde as hai de sempre. A Pontenova non é especialmente gandeira na actualidade, pero presentóusenos a oportunidade con Alejandro, que ten cabalos... e de aí saiu. O resto temos dous ou tres, eu cinco, pero só para andar por aí e porque nos gusta este mundo.

CEDIDA

—A Pontenova non vén logo a modo de «competencia»...

—Non, non a creamos a modo de competencia. Simplemente é que, ao ter esa oportunidade, favorecer que a xente se achegue a vela na Pontenova. Temos outro hándicap, que é que aquí non hai case nada mancomunado, case todo o monte é de particulares, co que xa é máis difícil ter máis gando de monte que noutras zonas que son máis abertas.

«Simplemente é que, ao ter esa oportunidade, favorecer que a xente se achegue a vela na Pontenova»

—Non deixa de ter outro papel, que é por en valor o traballo xeneral dos gandeiros, non?

—Efectivamente. En vez de ter cabalos e vacas estabuladas, Alejandro tenas por fóra, con pastor e cercas, e como pode tamén facéndolle fronte ao lobo grazas aos mastíns...

—Como xa dixo o outro día, a Lei de Benestar Animal é algo que obviamente hai que aplicar. Xenerou certa complicación?

—Agora incluso nas rutas se ve que a sociedade se vai civilizando nese sentido, de coidado dos animais. Agora, se hai xente que pensa que por cortar a crin a un cabalo queda sen esa protección... ten que saber que o cabalo vai estar mellor, e se se facía xa antes era por algo. Os coidados aos cabalos son necesarios.

—O mundo do cabalo parece que está pillando pulo na Mariña.

—Está en auxe. Por esta zona xa hai bastante afección, incluso a realidade é que cada vez hai máis rapazas novas que se están metendo nas asociacións equinas. En xeneral, están entrando rapaces novos, xa non é coma antes. Si, vemos que ten tirón. O que nos vai facer a doma, que vive en Vilalba pero é de A Pontenova, está ensinando hípica. Se queres aprender a montar a cabalo, xa hai lugares onde ir.

CEDIDA

—Unha ruta a cabalo é unha das experiencias máis bonitas.

—Xa sexa en compañía ou só polo monte, saír montando a cabalo é unha desconexión total. É outro mundo, porque o cabalo, ademáis, aporta moita serenidade. É un animal moi especial, velo moi grande pero ao mesmo tempo é moi fráxil, velo que parece moi forte pero ao mesmo tempo é débil, ten moitas emocións e colle as túas, sabe como vas cada día... É un animal que me gusta moito.

—O da rapa tamén serve para dárlle forza e insistir en que non se pode perder o cabalo de monte, que é tamén patrimonio noso.

—Se non se fan cousas así, ao final acabaría caendo no olvido. Agora vas a carreiras de andadura abertas e xa ves uns cento e pico participantes, por exemplo.

—Que cabalo ten habitualmente?

—O que teño agora levo doce anos con el. Chámase Beefeater. Tal cual, coma a xenebra. Ven daí.

—Cando naceu Equus Norte?

—En 2014. Facemos rutas na Pontenova e imos a outras de fóra. Agora empezamos coa rapa pero nalgún evento de A Pontenova xa fixemos paseos a cabalo.

 


Comentar