La Voz de Galicia

Ana Ermida: «A conciliación non existe»

Barreiros

jorge casanova Alcaldesa de Barreiros

A alcaldesa de Barreiros, fan do Resurrection Fest, cre que se lle das tempo a unha cousa, tes que quitarllo a outra

30 Oct 2020. Actualizado a las 05:00 h.

É unha das alcaldesas máis novas de Galicia e, quizais por iso, mantén unha frescura con moito encanto, que non parece restarlle determinación. Ana Ermida (Barreiros, 1983) é unha muller do seu tempo coa que resulta moi sinxelo falar. E rir.

-Xa lle colleu o ritmo á alcaldía?

-O ritmo é difícil collelo porque en Barreiros, ademais, é bastante cambiante. Non ten nada que ver o ritmo do inverno co do verán. Pero xa temos certo control sobre o que pasa.

-Por certo, cal era a súa ocupación profesional?

-Funcionaria no concello de San Sadurniño; na área de intervención.

-Xa coñecía ben a dinámica municipal.

-Si, nese sentido, o meu traballo valeume de moito.

-Un ano complicado: o covid que mordeu o turismo, Alcoa...

-Si. Sempre conto que o ano pasado, cando chegamos, dicía: pasado o verán está superada a proba de fogo. E este verán acordeime moito do pasado. Non é un ano bo. É un reto diario, pero de todas as situacións se aprende.

-En Barreiros, símbolo da hiperconstrucción, este ano terían menos problemas para abastecer aos turistas.

-Barreiros é un concello de 3.000 habitantes que en verán se multiplica por catro. E aquí non temos turistas, temos veraneantes. Aquí hai segundas vivendas e a xente vén igual. Este ano, en xullo non, pero en agosto houbo moita xente. E ao final, os servizos ás segundas vivendas tes que darllos. Hai que sacar de onde se pode.

-O outro día cerraron un prostíbulo no concello. Parece que cando se quere, os alcaldes si teñen poder.

-Pensamos que como sociedade e como administración non é algo que debamos permitir e, na medida das nosas posibilidades e competencias, penso que temos que poñerlle fin a esta cuestión. Neste caso foi un tema administrativo. Pola parte que nos toca, eu téñoo claro, mentres poidamos evitar que haxa situacións de prostitución en Barreiros, imos facelo.

-Seguro que non foi moita xente protestar ao concello.

-Non, non. Se cadra nalgún bar, pero bueno. En petit comité, supoño.

-Seica está crecendo o padrón.

-Si. A raíz do confinamento do marzo outros concellos da contornada tamén subiron, pero aquí o estamos facendo dende xaneiro. Quero que Barreiros empece a sonar por cousas boas.

-Ten vostede un neno pequeno.

-De catro anos.

-Que tal concilia?

-Mal. Como moitos pais e nais. A conciliación non existe e ao final, se fas unha cousa renuncias a parte de outra. Eu poño as cousas nunha balanza e intento que estea compensada. Sei que no verán vai estar descompensada en atención ao concello, porque require moito tempo e intento compensar no inverno. Cando riño ao meu fillo e lle digo que non vai poder facer algo, el dime que eu non vou poder ir ao concello.

-Listo, o rapaz. Como se meteu nesto?

-Eu son política por vocación. Gústame o servizo público. Milito dende os dezaseis anos. Gústame moito falar coa xente e ser útil. Creo que Barreiros necesitaba un cambio e creo que fomos quen de facer un equipo no que a xente confiara.

-A noite que gañou as eleccións sería inesquecible.

-Si, foi un día histórico. Una noite moi bonita. Para min, pero tamén para moita xente.

-Bugallo dicía que a política local era como un virus. Vostede xa o sinte?

-Sentino sempre. Non creo que me desenganche da política nin da política local. Iso non significa que vaia a estar aquí permanentemente. Non estamos aquí para quedarnos.

-Cantos guasaps recibe vostede ao día?

-Buf! Non sei. Teño un pouco de toc e non soporto a boliña roxa. Moitos. Antes non deixaba un guasap sen contestar, pero agora xa o estou facendo.

-Nunca pensou en vivir noutro sitio?

-Non. Sempre estiven moi apegada a Barreiros. Nunca se me pasou pola imaxinación marchar.

-Celta ou Dépor.

-Dépor, pero xa non vexo fútbol. Eu era do Deportivo de Bebeto e de Arsenio.

-Dígame catro palabras que a definan.

-Perseverante, muller, galega, íntegra. E unha quinta: política.

-Ten un tatuaxe moi potente nun brazo. É case unha declaración de principios.

-Si. Foi o meu primeiro tatuaxe. Levoume como dez horas facelo e defíneme moi ben. É unha imaxe de Rosie, a remachadora, que é unha icona do feminismo de clase, cunha estrela vermella tatuada no brazo e uns versos de Rosalía que tamén me identifican. Son os versos do mesmo poema que está na lápida da miña nai.

-Que lle gusta facer cando ten tempo?

-Ler. Empezo moitos libros e acabo poucos; releo un montón. E nadar. Intento ir á piscina con asiduidade. E estar co meu fillo, claro.

-Que tal na cociña?

-Ben, pero non me gusta moito. Se vivira soa comería bocadillos todos os días.

-Tería que ir moito á piscina, logo.

-Ha, ha. Ensaladas tamén.

-Invítana a cear Albert Rivera, Espinosa de los Monteros, Teodoro García Egea y Miguel Tellado. A quen lle di que si?

-Non hai restricción covid?

-Ha, ha. Non. Ten que aceptar unha.

-Pois... con Miguel Tellado, porque ao final igual podíamos sacar algo en limpo para este país.

-De que se arrepinte?

-Eu creo que de nada. De todo se aprende e o arrepentimento é un sentimento de culpa cristián que non soluciona nada e só fai que te sintas mal. Eu son moito de «A lo hecho, Pecho».

-É unha habitual do Resurrection Fest, non?

-Gústame moito a música en xeral. E o ambiente do Resu. É o festival que máis me gusta e vamos en familia. Con ano e tres meses xa levei ao neno.

-Todo o mundo ten un prezo?

-Eu creo que non. Unha persoa non debería estar en venda. Outra cousa é que todos temos puntos débiles, e non falo dos cartos.

-Unha canción.

-Depende do momento. Pero vou dicir a versión de Another brick in the wall de Korn.

-Que é o máis importante na vida?

-A tranquilidade, ter a conciencia tranquila e poder falar dende a honestidade.


Comentar