Benxa Soto: «Hai unha fenda entre os sedentarios e os que se preocupan polo exercicio»
Burela
O viveirense, profesor de Educación Física do IES Monte Castelo, presenta este venres o libro «Comienza a sumar: más sano, más fuerte, más feliz»
28 Sep 2023. Actualizado a las 22:01 h.
Benxa Soto Cotón (Viveiro, 1980) é licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e exerce como profesor no IES Monte Castelo de Burela, no ciclo superior de Ensinanza e Animación Sociodeportiva. Tamén foi adestrador persoal. Este venres presenta (Teatro Pastor Díaz, 20.00 horas) o seu libro «Comienza a sumar: más sano, más fuerte, más feliz», unha guía para unha mellor saúde. A vindeira semana, o día 6, falará deste volume no centro educativo onde traballa, nun acto previsto para as 19.30.
—É o seu primeiro libro. Por que se decidiu a escribilo?
—Dentro do ciclo teño a especialidade daquelo relacionado coa planificación deportiva e o rendemento deportivo, ou a nutrición, e esta titulación tamén está moi enfocada á saúde. Son profesor de metodoloxía, e ademais fun adestrador persoal. Ao longo do tempo fun tomando notas da aprendizaxe, que en principio eran para min. Tiña o obxectivo de ser unha persoa máis forte e máis feliz, sacar a mellor versión de min mesmo. O ciclo foi un acicate para investigar aínda máis nesas notas, e tamén me fixo compartir as miñas compilacións co alumnado, que respondeu xenial. De forma que houbo xente que me dicía que estaría ben ter nun libro toda esta aprendizaxe.
—Pensou que lle levaría meses, pero levoulle tres anos.
—Lanceime pensando que sería sinxelo. Pero é un manual práctico que contén moitas referencias de estudos. Tomei nota de moitos autores, de xente que está tanto a investigar como a divulgar coñecementos. O que se di no libro ten unha base científica. Moitos dos estudos están en inglés, e levoume tempo buscar, traducir e revisar. Tiña claro que quería publicalo tralo verán, ou en Nadal, cando a xente busca un revulsivo e se propón cambiar de hábitos. Pero acabou sendo no 2023 e non no 2021.
—O libro propón retos ao lector.
—Moitas referencias do meu traballo teñen aplicación no libro. Como profesor de metodoloxía, tamén a utilizo no volume. Non quería que fose algo demasiado teórico nin pesado. O lector, ademais de ler de forma pasiva, ten que cubrir xogos e retos cos que vai aprender. Hai dez niveis que hai que ir superando pouco a pouco. A medida que esa persoa avanza, vai sendo máis sá, máis produtiva e máis feliz. Inclúense códigos QR para enlazar vídeos, vivencias persoais... É o libro que ogallá tivese eu hai 20 anos.
—Cales son os fundamentos para estar mellor?
—Hai unha parte que ten que ver co exercicio físico, outra coa nutrición e outra co descanso. Tamén falo de meditación, do control das emocións. Busco que a xente coma mellor, que durma mellor, que se exercite dunha forma máis efectiva e aproveite mellor o tempo, porque hai xente que dedica moitísimas horas a facer actividade física, pero sen resultados. É importante planificar o momento, variar exercicios para traballar todas as capacidades que temos. Non é o mesmo facer actividade física na natureza ca noutra contorna. Tampouco descalzo que cun calzado que che oprime os pés. Nin expoñerte á luz natural ou á artificial.
—A sociedade vai cada vez máis rápido. Como se pode atopar tempo para seguir este tipo de plan?
—É algo que a xente se preguntará moito, como facer para incluir no seu horario estes retos. Pero é o contrario, posiblemente aforrará tempo. Hai exercicios máis breves que poden ser máis productivos ca outros. Facer dez minutos de meditación pode axudar a conciliar antes o sono ou durmir mellor, e así render máis. Son pequenos cambios de hábitos, pequenas accións xuntas, que poden ser moi beneficiosas.
—Como docente de educación física, como ve a sociedade?
—Hai unha fenda quizais semellante á da economía, cando se nos di que os ricos son máis ricos e os pobres son máis pobres. Cada vez hai unha maior preocupación polos bos hábitos, polo exercicio e pola nutrición. Cada vez estamos mellor informados. Pero por outra banda tamén hai máis sedentarismo, ligado ao avance das novas tecnoloxías. E a obesidade segue escalando.
—Coidarse require tamén dun esforzo económico?
—O económico diría que non é un factor clave. Unha potencia mundial como Estados Unidos é o país con maior taxa de obesidade. Ter adestradores persoais ou nutricionistas axuda, pero o principal é a educación. Ser consciente dos beneficios do exercicio e da comida saudable, e actuar en consecuencia.