La Voz de Galicia

A vida nun pesqueiro: «No mar mestúranse sensacións de liberdade e claustrofobia»

Burela

Ramón González Rey
Raúl e Adrián Canoura, no barco

O burelense Adrián Canoura prepara o documental «Fomos ficando sós», que xurdiu ao atopar cintas gravadas por seu pai nun barco

11 Aug 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A finais dos anos 80 e principios dos 90, os espadeiros de Burela acostumaban a parar a propósito en Ceuta para repostar. O combustible era máis barato e tamén outros produtos, como a cámara de vídeo que trouxo para a casa Raúl Canoura. Das cintas que gravou o patrón e armador en alta mar —rexistrando temporais, descargas ou os días de Ano Vello e Noiteboa a bordo— xurdiu o documental «Fomos ficando sós», que o seu fillo, Adrián Canoura, prepara estes días.

O cineasta decidiu ao atopar as gravacións facer unha curtametraxe documental que «navegase a través dese arquivo no imaxinario popular galego, revisitándoo na actualidade». Para acadar este obxectivo embarcou unha marea no Raúl Primero. Pero o proxecto foi gañando corpo co tempo e mutou nunha longametraxe que pretende retratar a vida diaria no Gran Sol. Daquela subiuse ao barco de novo, para aproveitar unha das últimas travesías do seu pai a bordo. «A historia principal está ligada á del, semellante á de moita xente en Galicia que se criou nos barcos. É unha vida dura e afastada do fogar, e quixemos visitar a casa desta xente durante boa parte da súa existencia», afonda.

O proxecto medrou coa entrada da produtora Zeitun Films, e coa axuda de entidades como Agadic e a OPP burelense. A rodaxe, desafiante pola propia estancia no barco e que incluíu tamén unha parte ficcionada gravada nun prató, está rematada, e Canoura atópase inmerso actualmente no proceso de montaxe e posproducción, que posiblemente durará ata final de ano, coa idea de poder presentar o traballo nos festivais do 2025. A TVG mercou os dereitos de emisión televisivos da peza, titulada cun verso do poeta mariñeiro galego por excelencia, Manuel Antonio.

«Tentamos amosar como é estar alí 24 horas durante 15 días, metidos nun barco de 30 metros no medio do océano», explica Canoura, que foi testemuña «dunha monotonía circular e case interminable». Tamén, da sensación de estar «sós, sen nada arredor máis que mar e ceo. Hai unha mestura rara de sensacións, de liberdade e tamén dun pouco de claustrofobia á vez. Nada te pecha pero hai uns límites que te atan e tes que permanecer dentro deles», afonda o realizador burelense, que confirma que esta circunstancia provoca «unha certa tensión psicolóxica, na que inflúen o tempo e tamén o que se pesca, pois a escaseza pode implicar máis días de traballo».

Canoura mantén aberta tamén unha faceta vinculada á música, na que proxecta imaxes para os concertos de Baiuca, Sen Senra ou Guitarricadelafuente. «Cada vez é máis importante para os grupos ter unha parte audiovisual nos seus concertos», apunta.


Comentar