A azarosa vida do viveirense Salvador Ferro Franco. Da guerra civil aos campos nazis (1936-1945)
Viveiro
Nacemento, xuventude e mocidade en Viveiro (1913-1937)
19 Jan 2024. Actualizado a las 21:14 h.
Salvador Ferro Franco naceu no lugar da Casaría, nas Pallaregas-Covas (Viveiro), o 7 de decembro de 1913 no seo dunha familia de labregos medianeiros.Traballaban as terras e vivían nunha casa propiedade da familia Pérez Labarta do Pazo de Grallal, os donos, recibían a cambio a metade das colleitas agrícolas. A familia Ferro estaba composta polos proxenitores, Manuel Ferro Alvo e Antonia Franco Díaz, xunto cos seus fillos: José, Salvador e Josefa. O seu avó José Ferro, era o propietario do lugar da Tora, tamén nas Pallaregas.
O meniño Salvador, comezou a traballar á idade de cinco anos, ao igual que a maioría dos nenos labregos, levando a alindar as vacas ou ben colaborando coa maioría dos traballos propios do campo e da casa, motivo polo cal tivo unha preparación escolar moi escasa, pois tan só a partir dos quince anos comezou a acudir ás pasantías que durante o inverno impartía un veciño, o ensinante, era daqueles que denominaban popularmente como «mestres do ferrado», debido a que cobraban en especie, en ferrados de centeo, trigo ou millo. Con todo, Salvador era un rapaz moi mañoso e axiña mostrou grande interese e habelencia polos labores que realizaba o seu irmán José na forxa familiar, onde foi aprendendo as técnicas básicas dos ferreiros.
Ao cumprir dezanove anos, en 1932, alistouse na Armada e foi destinado ao ano seguinte a Cartaxena, onde embarcou como mariñeiro no destrutor Almirante Valdés. No servizo militar estivo dous anos exercendo primeiro como enfermeiro e, despois, por mediación dun suboficial chamado José Ramírez, formou parte do servizo electrónico. Nesta estadía militar viaxou a Barcelona, Palma de Mallorca, Mahón, Orán, Arxelia, Bicerta, Túnez, Casablanca, Melilla, Ceuta, illas Canarias e a costa andaluza e, mesmo, participou como tripulante no traslado dos restos mortais de V. Blasco Ibañez dende Mentòn (Francia) a Valencia.
Rematado o servizo militar e desbotado o reenganche, regresou a Viveiro e volveu traballar co seu pai nos labores agrícolas ao tempo que lle axudaba ao seu irmán na forxa. Tamén traballou como peón en distintas obras de carácter municipal, tempo no que se afiliou ao sindicato anarquista CNT, mais debido ás consecuencias do «crac» mundial de 1929 e a crise existente, axiña tivo que deixar as obras por mor da falla de traballo, regresando aos labores familiares.
Cambio de bando na guerra civil (1936-1939)
Co estalido do golpe militar en xullo de 1936, o seu irmán José rematou por deixar a forxa e colocouse na Fábrica de Automóbiles Barro de Chavín, que estaba militarizada. En adiante, Salvador continuou empregado no campo e fíxose cargo da fragua, perfeccionando os seus coñecementos.
Debido ao seu marcado carácter esquerdista, axiña tomou contacto cos grupos de fuxidos que se ocultaban nos montes cerca da súa casa, colaborando con eles e axudándolles en todo o que podía, até que en 1937 foi chamado a filas e mobilizado. Destinado a Logroño, formou parte do Rexemento de Infantería Bailén nº 24, que foi enviado a Burgos para reforzar ás columnas franquistas que partiron para á fronte de Madrid. Dende alí pasou á zona Sur, a Pinto, a Marañosa e Corralexos. Logo de facer un curso sobre o manexo e emprego dos gases asfixiantes, volveu para o seu rexemento, onde permaneceu até que decidiu pasarse ás fileiras republicanas no Nadal dese mesmo ano. Malia as advertencias do seu amigo e compañeiro de batallón o tamén viveirés Florencio Díaz, que lle falou das represalias que podía sufrir a súa familia en Viveiro, decidiu cambiar de bando con varios compañeiros máis, ao berro de: Viva a República!!...
En tanto, en Viveiro, a súa familia pagaría as consecuencias da súa deserción ingresando no cárcere de San Francisco o seu pai Manuel e a súa irmá Josefa, pois non puideron encarcerar ao outro irmán José, ao estar militarizado en Chavín.
Unha vez no bando republicano estivo en varios lugares da fronte animando aos soldados do bando franquista para que desertasen e pasasen a defender a República. Despois foi destinado de Madrid a Barcelona, ingresando no cuartel Espartero, e de alí partiu para Cartaxena con destino á 194 brigada de Infantería de Mariña, onde o nomearon sarxento instrutor; con el tamén estaban todos os compañeiros que pasaran ao bando republicano.
Axiña combatirá na fronte de Teruel, sufrindo varios ataques das forzas moras e italianas, até retirarse cerca de Lleida, onde conseguiron detelos. Pouco tempo despois fixo un curso de capacitación na Escola de Oficiais de Guerra para ascender a tenente, para volver á súa brigada unha vez rematado. Continuou de tenente na 194 Brigada, pero noutra sección, e loitando na fronte de Artesa de Segre foi ferido e trasladado ao hospital de Bañolas (Llirona), onde lle extraeron varias «esquirlas» de metralla da man dereita. Unha vez recuperado reincorporouse a súa brigada até o final da contenda.
Coa guerra perdida e o derrube da fronte, recolleu á maioría dos compañeiros que pasaran con el ao bando republicano e dirixíronse a Ripoll para tentar de pasar a fronteira cara a Francia. Antes atopáronse cun grupo de italianos que estaban celebrando a vitoria e decidiron agacharse nun piñeiral até que anoitecera. Finalmente, pasaron para Francia 22 combatentes, mentres que ficaron en territorio español outros vinte, dos corenta soldados e dous oficiais que chegaran até a fronteira.
Dos campos franceses á detención polos alemás e a liberación (1939-1945)
Salvador Ferro, a igual que outros 440.000 refuxiados republicanos que entraron pola fronteira francesa foi desarmado e ao estar desprovisto de pasaporte ingresou no Campo de clasificación e internamento de Le Teche. Nun primeiro momento os republicanos foron instalados en campos de concentración, ao raso, en grandes praias da costa dos Perineos Orientais como Argéles Sur Mer, Saint Cyprien, Le Boulou, Le Barcarés… Mentres, as mulleres, nenos e anciáns foron acollidos en refuxios, residencias e casas particulares. Posteriormente, aínda crearían novos campos de «acollida» cara ao interior ou máis alonxados da fronteira.
Axiña, o noso protagonista tivo que elixir entre volver a España repatriado, ou ben, permanecer en Francia como refuxiado e suxeito a duras condicións marcadas polos franceses. Unha vez que decidiu non regresar foi trasladado cara ao interior, ao campo de concentración de Agde, en Hérault. Polo campo pasaba todos os días a policía francesa para alistar «voluntariamente» na Lexión aos republicanos españois ou recrutalos para as Compañías de Traballadores Estranxeiros. Mais, Salvador, malia a fame e as malas condicións hixiénico-sanitarias que padeceu durante a reclusión, mantívose firme na idea de non alistarse na lexión nin nos batallóns de marcha ideados polos franceses para aproveitárense da forza de traballo e dos servizos militares dos exiliados.
Finalmente, saíu do campo cando os franceses ante a inminencia do inicio da guerra contra Hitler, solicitaron entre os recluídos mecánicos e condutores de tanques. Deste xeito, comezou a traballar como mecánico militar nos talleres da Cabaleiría do departamento de Aveyron. Oito meses despois foi trasladado ao departamento do Lot e Garonne como xefe de taller en Casseneuil, na rexión de Aquitania. Alí, viviu feliz e totalmente integrado xunto con outros españois até o momento da capitulación de Francia ante Alemaña. Logo, co goberno colaboracionista de Pètain (Vichy) e, ante o perigo que corría de ser internado nun campo de concentración xermano, decidiu fuxir con documentación falsificada cara ao sur do país, establecéndose en Saint Quentin sur Isere. En Isere, zona non ocupada, traballou nunha canteira e fixo amizade co encargado que tiña un fillo na Resistencia e así comezou a colaborar cos maquis levándolles pólvora e detonadores ou, mesmo, participando en distintos sabotaxes e accións directas, até que foi detido, o 22 de xullo de 1944, pola Policía de Seguridade dos ocupantes nazis (SIPO).
Logo de permanecer preso durante un mes en Lyon foi deportado nun convoi de 222 homes e 64 mulleres ao campo de concentración de Natzweiler, na Alsacia. No traslado en tren e coincidindo co avituallamento que lles deron membros da Cruz Vermella, foi rexistrado novamente polos alemáns que remataron por tirar a súa documentación na estación do tren. Por este motivo foi dado por morto e, mesmo, a súa familia fixo un funeral en Covas pola súa alma. Dende Alsacia foi transferido a Dachau, en Baviera, onde chegou o 4 de setembro de 1944, asignándolle o número de prisioneiro 99246, tempo despois pasou ao subcampo de Allach, preto de Munich, onde traballou como mecánico e encargado das caldeiras. Finalmente, foi liberado pola brigada aliada «Lattre de Tassigny» o 29 de abril de 1945 e estableceuse en Grenoble, onde casou con Emilia Grilo e tivo dúas fillas e un fillo: Teresa, Mª Antonia e Manuel.
Salvador Ferro Franco finou o 1 de outubro de 1997 con 83 anos.
*Carlos Nuevo Cal é cronista oficial de Viveiro