La Voz de Galicia

Padín e Regueiro, do Cambados TM, vencen no Torneo da Coruña

Arousa

vilagarcía/la voz.

23 Sep 2010. Actualizado a las 02:00 h.

Excelente colleita a recolectada polo Cambados Tenis de Mesa a pasada fin de semana no Torneo Ciudad da Coruña. Dous triunfos e dous subcampionatos foron os resultados máis sobranceiros.

Fernando Padín proclamouse campión no cadro xuvenil masculino, demostrando o seu elevado nivel nesta pretempada, na que gañou os tres torneos que disputou durante o verán.

No cadro cadete masculino tamén houbo vitoria cambadesa. Neste caso, de Martín Regueiro, que ademais ten o mérito de chegar nunha categoría superior á que lle corresponde por idade.

Tamén en cadete, pero en féminas, Cristina Barreiro finalizou segunda, recuperando a súa mellor versión logo dun período de baixa.

Paula Padín rematou tamén como subcampioa na cidade herculina, en alevín feminina. E unha vez máis fíxoo ao caer no partido polo título coa súa besta negra esta pretempada, a xogadora coruñesa Cobas.

A quinta xogadora do Cambados TM en acción, Andrea Chaves, pechou a súa participación no torneo cun posto de semifinalista en alevín feminina.

Os xogadores cambadeses descansarán esta fin de semana, para encarar o sábado 2 de outubro o inicio das ligas.


Comentar