«O alcalde podía tranquilamente montar unha academia para instruír alcaldes»
Arousa
24 Apr 2011. Actualizado a las 06:00 h.
A chamada da política veulle a Juan Otero na súa madurez, despois de toda unha vida dedicada á xestión no sector privado.
-Vostede viña do sector privado, ¿notou moita diferenza?
-(Ri) Enorme. Ese foi un dos principais inconvenientes que tiven cando cheguei aquí. Eu estaba afeito a resolver problemas, non en cinco minutos, pero si en media hora ou ao día seguinte. O que máis me chocou é que na Administración local as cousas non se resolven nin en dous días, nin en vinte, nin en tres meses moitas veces. Por iso digo que o que se fixo nestes catro anos foi moitísimo.
-Fáleme de Manuel Vázquez.
-Eu penso que o alcalde, xa o dixen antes, vai ser unha persoa á que se lle vai recoñecer o que fixo cando deixe de ser alcalde. Penso que podía tranquilamente montar unha academia para instruír aos alcaldes, tanto en termos económicos como de xestión. O Concello da Illa ten catorce anos, recibiu de Vilanova unicamente persoal, débedas, o colexio e unha escola e hoxe, con só doce anos de goberno e de xestión do alcalde, o Concello da Illa ten un patrimonio enorme a nivel de edificios, de parque móbil e de persoas.
-Juan José González (PP).
-Juan José como compañeiro de corporación é unha persoa un pouco nerviosa coma min, discutimos moito nos plenos, pero non chega o sangue ao río. Fai o seu labor dentro do PP e as urnas dirán se ten algo que facer neste Concello ou non.
-O PP logo.
-Obstrucionista nada máis, colaborou en moi pouco.
-Carlos Otero (BNG).
-Carlos Otero é unha persoa á que eu non trataba, pero creo que coincidimos en moitas cousas, temos bastante boa relación e sempre que o intentamos chegamos a acordos.
-Imos co equipo. Unha palabra para definir a Lola Folgar.
-Loitadora e traballadora.
-A Isidro García.
-Preocupado e traballador.
-Fátima Rivas.
-Eficiente.
-Juliana Dios
-Inquieta e colaboradora.