La Voz de Galicia

David Seijo será o pregoeiro das festas de San Roque

Arousa

O actor vilagarcián subirá ao balcón da Casa do Concello o xoves que vén, ás oito e media da tarde

02 Aug 2017. Actualizado a las 18:09 h.

As festas de San Roque, en Vilagarcía, xa teñen pregoeiro. Será o actor David Seijo quen, o xoves que vén, ás oito e media da tarde, suba ao balcón de Ravella para dar comezo á celebración que atopará na Festa da Auga un dos seus momentos culminantes.

David Seijo Sanmiguel leva anos traballando no mundo do cine e o teatro, aínda que se fixo popularmente famoso a raíz do seu papel de Ramiro na serie de televisión El Barco, protagonizada por outro galego, Mario Casas e por Blanca Suárez.

Seijo, de 34 anos, naceu e criouse en Vilagarcía, onde reside a súa familia e a onde segue vindo sempre que o seu traballo llo permite, pero especialmente, durante as festas de San Roque. Estudou no colexio da Lomba e formouse en Pedagoxía teatral na Coruña, once se iniciou no mundo do teatro profesional. Posteriormente continuou a súa formación en interpretación na prestixiosa escola Juan Carlos Corazza de Madrid.

No seu currículo, destacan, ademais da súa participación na serie de Antena 3 El Barco, as súas aparicións en Cuéntame como Benji, nun episodio de Aida, nas producións da TVG Dalia, a modista, Fontealba e O Faro, así como na primeira coprodución de Galicia e Portugal, a serie Vidago da que é protagonista.

No cine, interveu na galardoada película León y Olvido e en Afterparty, entre outros traballos no teatro e en publicidade.

 


Comentar