La Voz de Galicia

O piragüismo e Julio Suárez manteñen a Arousa no reparto das axudas ao alto nivel da Xunta

Arousa

pablo penedo vilagarcía / la voz

Polideportivo Dezaoito deportistas da zona figuran na recente lista, bienal, de beneficiarios das bolsas DGAN, pero só 14 no apartado do último ano

28 Dec 2017. Actualizado a las 05:00 h.

A Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta publicaba o pasado día 22 a resolución do Padroado da Fundación Deporte Galego co reparto dos 600.000 euros da súa convocatoria de axudas a deportistas galegos de alto nivel (DGAN) 2017. Unha liña que rechama a atención polo feito de incluír bolsas por méritos deportivos correspondentes ao exercicio 2015, 146 das 313 concedidas desde a administración autonómica nesta última convocatoria, e ao 2016, outras 167, de tal forma que unha parte notable dos solicitantes percibirán cadansúa axuda do 2015 e do 2016.

Así as cousas, se ben son 18 os deportistas arousáns ou en clubs do Baixo Ulla e do Salnés que aparecen no listado do reparto recén aprobado de Axudas DGAN 2017, catro deles non percibirán un euro polo último curso deportivo valorado no programa de bolsas. É o caso dos padexeiros David Maquieira e Iago Monteagudo, do regatista Antón Paz, e da taekuondista caldense do Olimpic Lúa Piñeiro.

Co xadrecista sanxenxino Julio Suárez -1.000 euros de subvención pola tempada 2015 e 1.000 pola 2016- coma excepción, o piragüismo -ver táboa adxunta- volve ser o sostén do Salnés e do Baixo Ulla no deporte de alto nivel no último exercicio valorado, o do 2016, fóra dun profesionalismo á marxe das bolsas da Xunta no que atopamos a nomes como Mari Paz Vilas (fútbol), Gustavo César Veloso e Ángel Sánchez Rebollido (ciclismo), ou Andrea Oubiña, Óscar Víudez e David Iglesias (remo).

A canguesa e veciña do Grove Teresa Portela aparece como a arousá coa maior participación na partida global de 600.000 euros da Fundación Deporte Galego para as tempadas 2015 e 2016, con 10.500 euros; deles, 6.500 polo seu quinto diploma nos seus quintos Xogos Olímpicos, en Río de Janeiro 2016. As subcampioas do mundo do K-4 500 Sub-23 no 2016 Camila Aldana Morison e Natalia García séguenlle con 5.000 euros cada unha, e con 4.000 Tono Campos, Ramón Ferro, e José Manuel Sánchez, fixos nos podios internacionais de maratón, e os ata o 2016 rivais polo C-1 1.000 da selección española André Oliveira e Diego Romero -este último recibindo 3.595,74 euros-.

Os méritos do 2017 quedan pendentes de recoñecemento

A bo seguro a máis dun chamaránlles a atención a ausencia no reparto das Axudas DGAN 2017 de nomes como os de María Pérez e Manuel Fontán, de Carla Frieiro, o de Jéssica Bouzas, ou o de Raquel Meaños. Tamén os de Pedro Muñoz e Carolina Casais, ou o de Mónica Touriño. Todos eles, deportistas en modalidades e/ou categorías non profesionais, que brillaron con luz propia nas súas respectivas disciplinas ao longo do 2017. Mais desde a Xunta non tiveron a ben incorporar a última tempada, é de imaxinar que coa intención de non deixar fóra os méritos acumulados no final do ano.

No 2018, quen sabe se sen necesidade de agardar doce meses para baremar os palmarés, é de supoñer que desde a Fundación Deporte Galego se recompensarán os dous ouros nos Xogos Europeos da Xuventude de Fontán, os subcampionatos do mundo júnior de Pérez e de Frieiro, os torneos ITF, o Nacional de Dobres Cadete e os dous clasificatorios do Mutua Madrid Open gañados por Bouzas, os ouros mundiais de kenpo de Muñoz e de Casais, e o fato de títulos nacionais de canicrós de Touriño. Esta última, fóra das Axudas DGAN 2017 por presentar a solicitude fóra de prazo.


Comentar