La Voz de Galicia

Manuel Vázquez, padriño da inminente quinta edición do EncestaRías

Arousa

vilagarcía / la voz

O cofundador do BBC salientou onte a importancia dun torneo deste nivel para Vilagarcía

04 Sep 2019. Actualizado a las 21:00 h.

A practicamente 48 horas do inicio da quinta edición do Torneo EncestaRías, a organización do mesmo vén de dar a coñecer o nome do seu padriño. E ninguén poderá discutir o acerto da elección. Manuel Vázquez Martínez, cofundador do BBC e directivo ata hoxe e durante os 35 anos de historia do club de baloncesto masculino de referencia na capital arousá, foi o elixido por Iván Villar, por Diego Doval e por ese grupo de amantes ao deporte da canastra que hai xa un lustro decidían seguir a ese par de tolos, como os definíu o xornalista César Méndez no acto público organizado en Rey Daviña. Un acto destinado a desvelar o nome do novo padriño, pero tamén para lembrar a inminencia dunha cita deportiva catalogada polo alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, como o mellor torneo de baloncesto de España, Liga ACB e Copa do Rei á marxe.

Que o Alba Berlín de Aíto García Reneses, en capela para a súa estrea na Euroliga, e o San Pablo Burgos, que este curso xogará a Basketball Champions League, abran o cartel coa súa semifinal de mañá ás 19 horas no parqué do Pavillón Número 1 de Fontecarmoa, dá fe do nivel deportivo. Completan o cartel o Monbus Obradoiro e o recén retornado á ACB Coosur Betis, adversarios na segunda semifinal do torneo, mañá ás 21.15 horas, e futuros rivais do Burgos na Liga ACB, a segunda maior competición de baloncesto do planeta, como se recordou na céntrica rúa da capital arousá.

Manolo Vázquez, que se confesou «un pouquiño nervioso pola responsabilidade de apadriñar un evento deste nivel» ao subir ao estrado tras anunciarse o seu nome, salientou que «contar cun torneo deste calibre significa moitísimo para Vilagarcía». E aproveitou o seu minuto para enxalzar as figuras de Doval e de Villar, animándoos a ambos e a «todos cantos seguen a este par de tolos a seguir traballando» na continuidade do EncestaRías.

O alcalde, ex xogador do BBC, salientou a relevancia da figura de Vázquez no baloncesto local, ata o punto de afirmar que «non habería suficientes días para darche as grazas pola túa dedicación». Fíxoo diante tamén da deputada provincial Noemí Outeda, e do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, presentes no acto.

 

O Alba de Aíto xa adestra na véspera

O primeiro equipo en chegar a Vilagarcía é o Alba Berlín. O conxunto de Aíto García Reneses ten previsto, de feito, facer a súa primeira sesión de adestramentos en Fontecarmoa na tarde do xoves, de 18 a 20 horas.


Comentar