La Voz de Galicia

Derrota do Vilagarcía T.M. na súa reentrada na División de Honra

Arousa

Caeu 4-2 a mans do  Panadería Santy-Narón. O Cambados T.M. debuta esta semana

01 Oct 2019. Actualizado a las 05:00 h.

O Vilagarcía Tenis de Mesa rematou de espertar a pasada fin de semana dese marabilloso soño de dous anos que o equipo arousán vivíu na Superdivisión, a elite reservada aos doce mellores equipos da pa de España. A pasada fin de semana o club que encabeza Antonio Castro completaba a súa reentrada na División de Honra, a categoría de prata do tenis de mesa hispano, abrindo a tempada 2019/20 no local de xogo do Panadería Santy-Narón. O resultado, 4-2 para o conxunto de Ferrolterra.

A única boa nova do encontro para o Vilagarcía T.M. foi a grande estrea protagonizada pola súa fichaxe estrela, o nixeriano Lawal Abiodum Ganiu. O africano foi quen de recurtar por dúas veces a desvantaxe que foi arrastrando o seu equipo todo o duelo, sumando o 2-1 a costa de Adrián Vidal (9-11/7-11/5-11), e o 3-2 fronte a Rubén García (2-11/6-11/8-11). Este último abrira o choque superando en catro xogos a Sergei Nigeruk (11-9/11-7/10-12/11-8). Nigeruk caeu tamén, en cinco xogos, con Alexis Damián (8-11/11-4/8-11/11-9/11-4). O canteirán Pedro Castro caeu pola súa parte nos seus dous emparellamentos, 11-4/11-8/11-6 con Damián no 2-0, e 11-7/9-11/11-5/11-6 no 4-2 definitivo con Vidal.

O Cambados T.M., compañeiro de descenso do Vilagarcía T.M. a pasada primavera, non tivo compromiso na primeira xornada de Liga. A súa reentrada na División de Honra será este sábado, ás 5 da tarde na casa co Collado Mediano.


Comentar