O Cortegada defende a cancelación definitiva da Liga
Arousa
Critica a decisión da FEB de prolongar a suspensión. Lukovic volve a Serbia
19 Mar 2020. Actualizado a las 05:00 h.
A Federación Española de Baloncesto anunciou onte a súa decisión de prolongar a suspensión das súas Ligas, desta volta ata o 28-29 de marzo. A directiva da Agrupación Deportiva Cortegada manifestou a súa frontal oposición á medida, defendendo que o que toca é cancelar definitivamente a tempada, visto o avance do coronavirus en España, e a dificultade para prever cando se poderán eliminar as restricións á mobilidade e á vida ordinaria decretadas polo goberno central.
«Isto non ten sentido ningún. ¿Que sentido ten isto entre clubs semiprofesionais, ou directamente afeccionados? ¿Como imos aguantar isto?», declaraba onte o sorprendido vicepresidente e voceiro da A.D. Cortegada. José Gorgoso explica que o seu é o parecer da case práctica totalidade dos 28 equipos que compoñen os dous grupos da Liga Feminina 2, posición que lle terían trasladado á directiva da FEB, polo que se ve ata o momento sen éxito. «Só hai unha solución: Cancelar a competición», conclúe o vilagarcián.
A situación non deixa lugar á dúbida. O Cortegada, como o groso dos equipos da categoría de prata do baloncesto feminino español, contratan as súas xogadoras e corpos técnicos só pola duración da tempada regular, con data de remate o 11 de abril. Se o estado de alarma decretado polo Goberno de España se prolonga moito, e a Federación pretende completar as cinco xornadas que restan de Liga, a prórroga dos contratos destrozaría as arcas de moitos clubs, entre eles o Cortegada.
Moitas xogadoras xa marcharon
Ademais, engade Gorgoso, a maioría das estranxeiras da Liga terían marchado de España, desvencellándose dos seus clubs. Entre elas a serbia Branka Lukovic, que chegara ao Cortegada mediado xaneiro como recambio de Tyra Jones, e que o domingo volveu ao seu país polo temor ao coronavirus. De retomarse, a Liga xogaríase desvirtuada, denuncia Gorgoso.