La Voz de Galicia

«Hai que ir pensando en festivais quilómetro 0»

Arousa

SERXIO GONZÁLEZ vILAGARCÍA / la vozen breve

Traer a Manu Chao e resucitar a Lamatumbá son as dúas espiñas destas Revenidas con sabor a sardiña

18 May 2020. Actualizado a las 10:23 h.

Xa o enorme Picadillo citaba, a comezos do século pasado, estas lendarias sardiñas en La Cocina Práctica, tratado gastronómico fundamental e fundacional para calquera apetito galego, con permiso dos escritos que Emilia Pardo Bazán dedicou tamén á arte dos fogóns. «Guardaréis un recuerdo gratísimo de aquellas sardinas del pilo, de aquellas sardinas revenidas [a cursiva é do autor] que cualquier marinero, sin excepción, prepara a las mil maravillas en un punto tal, que no hay maestro de cocina que pueda comparárseles». Así se refería o gran gourmand coruñés á receita das sardiñas con cachelos. A revenida é, xa que logo, a sardiña en salgado, que botou de quince a vinte días no lagar da salmoira e non precisa, por iso, máis que ser colocada sobre unhas boas brasas. Da tradición da conserva e do costume antigo de facer unha sardiñada popular en Vilaxoán -non moi ben documentado, pero si recollido na memoria colectiva, en cantigas e mesmo nalgún artigo xornalístico- xurdiu a idea de rescatar aquelas Revenidas en alianza coa cultura musical do país para proxectalo todo cara o mundo enteiro.

«En realidade, comezou cun grupo de rapaces que no 2003 estabamos na comisión de festas e queriamos un evento que non caese nas clásicas verbenas e contase con grupos galegos». Fala Xoán Quintáns Piñeiro (Vilaxoán, 1980), que logo de moitas voltas continúa á fronte do que, co paso do tempo, se consolidou coma o festival das linguas, o mellor escaparate para as bandas que fan música dende Galicia e en galego, sen descoidar as referencias ao que se move nos outros pobos do Estado, e mesmo en lugares ben afastados do planeta. Punk, dub, reggae, metal, hip-hop... Á beira do mar de Arousa cabe todo.

Naquela primeira edición, na que nin sardiñas houbo, soaron o angolano Alberto Mbundi coa xente dos Papaqueixos e a Nova Galega de Danza. Tampouco faltou o circo, da man de Leandro e Pepablo. «Foi no segundo ano cando se comezou a chamar As Revenidas; a comisión non seguiu e foi a asociación A Repichoca a que se fixo cargo dun proxecto que se foi profesionalizando cada vez máis». Empezou a cousa cun orzamento por baixo dos seis mil euros, e 17 anos despois anda nos trescentos mil, con capacidade para atraer a máis de dez mil persoas, o 14 % delas procedentes de fóra de Galicia, e xerar un impacto de 800.000 euros. Son datos do Grupo de Investigación na Economía da Cultura da Universidade de Santiago. «O noso obxectivo non é ser transcendentes en Madrid nin en Londres, senón aquí, apostando polo local, pola cultura galega, e ao mesmo tempo buscando a diversidade. Non quero dicir que sexamos un evento para cen persoas, pero tampouco un festival de masas: non buscamos meter cincuenta mil persoas, pero si ser distintos e contribuír a dinamizar Vilaxoán, un lugar que foi pioneiro en tantas cousas e que leva anos esmorecendo».

É importante achegar visitantes, pero diante de crises comA a que vén de desatar o coronavirus o que importa é quen tes a man, aquí, non en Noruega nin en Filipinas, razoa Quintáns. E así chegamos á análise do que pode, ou máis ben non pode, suceder este ano. «Tiñamos un cartel moi interesante, unhas 25 bandas coas que estamos comprometendo a edición de setembro do 2021, porque, sendo realistas, ningún festival se vai poder celebrar tal e como os concibiamos. É pronto para concretar nada aínda, non sabemos que vai suceder a nivel sanitario, en que consistirán as medidas da nova normalidade da que falan, nin que pensan as Administracións nin se a xente terá cartos no peto, pero habería que ir pensando en festivais quilómetro cero, contando co talento da nosa xente e das nosas bandas. Quen sabe, en Vilagarcía igual facendo algo a medias co Atlantic Fest. O que faremos este ano serán unhas Revenidas con formatos alternativos, unha especie de Revenidas 2.0».

Fermín Muguruza, Gogol Bordello, Gabriel o Pensador, Evaristo e Gatillazo, Zoo, Nao, Diplomáticos, Heredeiros, Soziedad Alkoholika ou Los Chikos del Maíz son algunhas das referencias que, dende o 2003, encheron os escenarios de Vilaxoán. O modelo foi fotocopiado en moitas prazas, pero existe un estilo Revenidas que dificilmente pode ser confundido. Espiñas que fincan cravadas nesta sardiña? «Home, alguén que sempre quixemos e ata agora non puidemos traer é Manu Chao. Falamos moitas veces con el, e hai boa intención, pero é complicado. Nin el mesmo sabe o que vai estar facendo dentro de dous meses. E tamén a espiña de grupos que se van desfacendo. Nada nos gustaría máis que ter de regreso a Lamatumbá; os primeiros piques na banda comezaban cando tocaron aquí, no 2010...». Mesmo houbo unha época na que se dicía que quen viña a Revenidas duraría pouco tempo. Que falen para un menos.

1 El PP de Vilagarcía plantea al gobierno local «la propuesta de instalar dispensadores de gel desinfectante en aquellos lugares públicos que registren mayor afluencia». La experiencia de otros municipios demuestra, dicen, que esta medida «es viable, asequible y funcional».


Comentar