La Voz de Galicia

Da detención ilegal

Arousa

A. Ochoa

O coronavirus cruza Europa como un Atila invisible

24 May 2020. Actualizado a las 05:00 h.

O coronavirus cruza Europa como un Atila invisible. Fronte a el, os estados reaccionaron dun xeito semellante: limitando dereitos fundamentais. En España, co Real Decreto 463/2020, acudiuse ao estado de alarma o 14 de marzo. Oito días máis tarde, Francia aprobou unha lei declarando emerxencia sanitaria por dous meses, que non foi recorrida diante do Conseil Constitutionnel, -equivalente ao Tribunal Constitucional español-. O pasado 9 de maio ese veciño país tramitou un proxecto de prórroga desa lei que, máis ou menos como aquí, permitía restrinxir a liberdade de circulación, manter o confinamento, pechar establecementos comerciais e facer requisas. O Presidente Macron, o do Senado, deputados e senadores, impugnárono diante do Conseil antes de que entrase en vigor, posibilidade que non existe en España. O pasado 11 de maio resolveu estimar parcialmente o recurso. Non quero afirmar que a futura sentencia do Tribunal Constitucional español vaia a dicir o mesmo que a do Conseil Constituionnel, pero, tendo en conta a semellanza de principios xurídicos dun e doutro Estado, cabe a posibilidade de que a decisión española opte por criterios análogos. Un tema que afronta esa lei francesa, e aquí non está enriba da mesa, é o da responsabilidade criminal dos cargos públicos por neglixencia con motivo da pandemia, e o Conseil francés santifícao dicindo que non resulta contrario ao principio de igualdade. Con respecto a restrinxir o transporte ou pechar ou limitar a apertura de establecementos comerciais -para o que ademais a lei gala prevé unha indemnización-, ditamina que a protección da saúde hai que conxugala con eses dereitos. Sobre o illamento da xente nas súas casas, aquí tan discutido, di que é razoable establecer corentenas nos casos que sexan certificadas por un médico. E di que non se poden impedir as saídas de modo xeneralizado e indiscriminado, porque -senta o Conseil- trátase de privación de liberdade imposta pola Administración, cando só pode decretala un xuíz. A liberdade individual está protexida pola autoridade xudicial e, polo tanto, permitir a prolongación da corentena e do confinamento máis de catorce días, como prohibir calquera saída, ou ter que permanecer na casa máis de doce horas ao día, son para o tribunal francés supostos de detención ilegal pola falta de intervención xudicial. Tamén bota abaixo o proxecto no atinente á protección de datos, dicindo que a súa transmisión ten que estar xustificada e baseada nun interese xeral, sobre todo cando se trata de datos médicos. O sistema de recursos diante do Tribunal Constitucional español non permite impugnación previa das leis e cando se dite sentencia dentro de moitos meses, as normas recorridas, particularmente o RD 263/2020, non rexerán e estará levantado o estado de alarma, -ou iso esperamos-. Esa futura resolución servirá para saber como interpretar a Constitución en eventos vindeiros e sobre todo, no caso de declararse a inconstitucionalidade, para pedirlle responsabilidade patrimonial á Administración. Polo pronto a decisión do Conseil Constitunniel francés co razoamento da detención ilegal é un precedente importante.


Comentar