La Voz de Galicia

De abdicar e de emérito

Arousa

Avelino Ochoa

Reflexiona o autor sobre a orixe de dúas palabras moi de actualidade

23 Aug 2020. Actualizado a las 05:00 h.

É moi probable que a verdadeira sabedoría non estea na cabeza de ninguén, senón nas linguas, que veñen sendo unha recompilación colectiva de coñecementos feita ao largo de séculos. A fin de contas, desde calquera descubrimento ata os sentimentos hai que saber expresalos a través da linguaxe. Resulta evidente que temos outros xeitos de comunicación -xestual, corporal, dixital e algún máis- pero a realidade é que os idiomas son a canle para transmitirlle aos máis calquera idea. Dominar unha lingua é, pois, un patrimonio inconmensurable, a maior riqueza que pode ostentar unha persoa, que, así, poderá sentirse depositaria e transmisora de toda a sabedoría acumulada.

Por mor dese acervo histórico, as palabras teñen, aparte dun significado actual, unha etimoloxía que nos axuda a recoñecer ese cúmulo de coñecementos e a ter en conta o sentido de seu ao empregalas. Porque cando se utiliza unha verba determinada transmitimos aos demais un código secular exacto.

Nestes días circulan dúas palabras de moi profunda historia que irromperon na actualidade hai relativamente pouco co gallo da renuncia en 2013 do papa Benedicto XVI e, no 2014, coa abdicación do rei Juan Carlos I: «abdicar» e «emérito». Imos coa primeira: abdicar significa renunciar á realeza. E renunciar é prescindir dos dereitos, facultades e obrigas da Coroa e, polo tanto, converterse nun cidadán simple; neste caso, nun xubilado; deixar de ser un primun inter pares e pasar a ser un máis. É dicir: desde o 2014 Juan Carlos Borbón e Borbón deixou de ser rei, porque decidiu pór fin ao seu reinado, como ratificou a Lei Orgánica 3/2014, asinada tremente por el. Produciu un efecto curioso, que foi o de proclamar un rei diante das Cortes democráticas, quen, por primeira vez desde 1978, prestou xuramento de gardar a Constitución. Así que o señor Borbón e Borbón, transformouse pola abdicación nun cidadán do común con dúas prerrogativas: a primeira, estar aforado no Tribunal Supremo e a segunda, por graza dunha simple norma regulamentaria, asinada por el mesmo, que calquera Goberno que queira pode modificar, dispor do título vitalicio pero simplemente honorífico, de rei. Só honorífico. É un xubilado, libre, cos mesmos dereitos, incluída a presunción de inocencia, e obrigas que calquera.

 

A outra palabra da que falaba é «emérito». Antes de que se popularizase empregábase en ámbitos académicos, xudiciais e eclesiásticos para profesores, maxistrados ou bispos que continuaban o seu labor. Tanto o dicionario da

RAG como o da RAE, manteñen ese matiz de que un emérito segue a exercer parcialmente a súa actividade.

Neste caso concreto que comentamos xa non é certo, polo que non deberiamos seguir adxectivándoo como emérito, porque, con crueldade ou sen ela, quitáronlle todas as funcións. Se consultamos o Dicionario Etimolóxico Corominas, vemos que esa palabra deriva da latina merere, emérito vén sendo un participio de emerire, que se aplica a quen se gañou un retiro ou rematou un servizo.

O curioso da etimoloxía é que daquel merere tamén vén meretriz. Vaites, vaites, que cousas.

 


Comentar