A Fundación dota de desfibriladores a totalidade das súas instalacións
Arousa
O ente mellora o pavillón da Castelao para servir de alternativa aos partidos do Cortegada
31 Dec 2020. Actualizado a las 05:00 h.
A Fundación de Deportes de Vilagarcía decidiu rematar o ano esgotando os remanentes do seu orzamento de gasto do 2020 cunha serie de investimentos que, pese á súa modesta contía, algo máis de 50.000 euros na suma, supoñen na maioría dos casos importantes melloras para os deportistas, federados ou non, da localidade.
Polo seu impacto potencial, a partida máis salientable é a adquisición de media ducia de desfibriladores. Unha remesa que, sumada ás sucesivas compras deste tipo de material por parte da Fundación de Deportes, dota á totalidade das instalacións deportivas de Vilagarcía dun aparello vital á hora de poder salvar a vida dunha persoa en parada cardíaca en espera da chegada de asistencia médica profesional. Un dos novos desfibriladores substituirá o que estaba ata agora en servizo no campo de fútbol da Lomba.
Outro dos investimentos cun percorrido multiplicador da contía do diñeiro empregado e a substitución das canastras e o pintado perimetral da cancha do pavillón da rúa Castelao. As dúas condicións fixadas pola Federación Española de Baloncesto para aceptar que a cancha do recinto do casco urbano sirva de alternativa ao Pavillón Número 1 de Fontecarmoa para os partidos oficiais da Agrupación Deportiva Cortegada. Unha necesidade longamente aprazada que vén de solventarse xusto cando o Concello de Vilagarcía vén de adiantar un próximo convenio coa Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta para a reforma integral da deteriorada instalación de Fontecarmoa e o punto final aos seus recorrentes problemas de condensación. A Fundación solicitoulle á FEB a convalidación da cancha da rúa Castelao, confiando nunha pronta autorización da Federación.
Os remanentes da Fundación serviron asimesmo para mercar un novo xogo de porterías para balonmán e para fútbol sala e un novo marcador para o pavillón de Carril, 6.000 euros para material de competición para o estadio de atletismo, ao que se dotou ademais dunha caseta portátil como vestiario complementario de ser preciso nalgún campionato.
Posta ao día das canchas de tenis e aplicación informática para a relación cos clubs
Proba do que dan de si algo máis de 50.000 euros ben investidos é que, a todo o anterior, a Fundación engadiu cos remanentes do orzamento do 2020 na súa lista de Nadal unha obra e unha aplicación.
Sobre a primeira, o ente xestor das instalacións deportivas municipais de Vilagarcía adquiriu o céspede para renovar por completo a pista de tenis número 4 do Complexo Polideportivo de Fontecarmoa. A súa instalación comezará tan pronto como a situación meteorolóxica o permita, e servirá de pistoletazo de saída para a posta ao día de todas as pistas de tenis da instalación, adiantan desde a Fundación.
«Un investimento menor na contía pero moi importante para os clubs». Así se referiu o ente municipal á aplicación informática coa que se fixo, destinada a «permitirlles ás entidades facer unha tramitación dos seus asuntos coa Fundación dun xeito máis fluído e menor carga de traballo».