Derrota do Cambados T.M. e dobre empate do Vilagarcía para abrir a Liga
Arousa
O equipo da vila do albariño sucumbíu 2-4 co Pub Patrimonio Pontevedra e o seu veciño asinou cadanseu 3-3 co Panadería Santy e coa Milagrosa
17 Mar 2021. Actualizado a las 18:54 h.
Sen vitoria arousá. Así arrincou o pasado sábado a Liga de División de Honra, a categoría de prata do tenis de mesa español. Con dous empates do Vilagarcía T.M. e derrota do Cambados T.M. na súa estrea con case medio ano de retraso respecto a unha tempada normal a causa dos efectos da pandemia.
Coa novidade dun sistema de concentracións, o Vilagarcía mediuse en Narón ao conxunto anfitrión, o Panadería Santy, exercendo de local. Sergei Nigeruk abriu o choque derrotando a Rubén García, Pedro Castro e Lawal Abiodum perderon con Alexis Orencel e con Santiago Otero, respectivamente; e Nigeruk e Abiodum déronlle a volta á tortilla ante Orencel e García para ver como Pedro Castro cedía o 3-3 con Otero. Pouco despois o Vilagarcía asinaba o mesmo resultado co Milagrosa tras levantar un 2-0 e un 3-1.
O Cambados caeu 2-4 na casa co Pub Patrimonio Pontevedra, con triunfos de Andrés Correa e de Fernando Padín e dúas derrotas pola mínima, 3-2, do propio Correa e de Daniel Casalderrey.