La Voz de Galicia

«Papel de estraza», a memoria do goberno revolucionario da Illa e da súa feroz represión

Arousa

serxio gonzález a illa / la voz
Fernando Salgado e Genito son os dous autores do libro sobre o goberno revolucionario independente da Illa, en 1934

Fernando Salgado e Genito presentan hoxe un libro distinto escrito a catro mans

18 Jun 2021. Actualizado a las 18:33 h.

Papel de estraza non é un libro sobre memoria histórica ao uso. Se houbese que situalo nalgunha categoría, sería -como atinadamente sostén no seu prólogo Xosé Álvarez Castro- na das obras de historia local, que non menor, que son quen de afondar en episodios, lugares e xentes concretos, nos que se encarnan as grandes ideas e movementos da súa época. Neste caso, o nomeamento dun goberno independente e utópico para A Illa de Arousa, declarado ao fío da revolución de outubro de 1934, que tan ben serviu como escusa para a salvaxe represión que se exerceu en Galicia a partir do estoupido da Guerra Civil, dous anos máis tarde.

A presentación deste estudo corre a cargo dos seus dous autores, Fernando Salgado e Juan Otero, Genito, que hoxe, ás oito do serán, estarán acompañados no auditorio da Illa polo alcalde, Carlos Iglesias, o historiador Xosé Álvarez e a xornalista Montse García. «Cando estaba rematando a historia do Céltiga, indaguei na forma na que nacera o nome do equipo, e fun percorrendo hemerotecas e recollendo as noticias sobre A Illa dende mediados do século XIX. Foi así como cheguei ao goberno revolucionario independente, do que se sabía de oídas, sen que houbese nada escrito». Así explica Genito como xurdiu a idea. «Atopei -recoñece- unha nova que me impresionou. Publicábaa La Zarpa, que dirixira Basilio Álvarez, e dicía algo así como Declarado el comunismo libertario en A Illa”».

Genito le canto cae nas súas mans. Unha recomendación de Pepe Álvarez encamíñao cara o Arquivo Militar de Ferrol, onde atopa por fin abondosa documentación sobre o consello de guerra ao que foron sometidas catorce persoas a raíz daquel goberno escrito sobre un papel de estraza no bar Nicho. Só faltaba unha feliz coincidencia para botar a andar o proxecto. Faber, o promotor cultural, pon en contacto ao historiador illán co xornalista e escritor Fernando Salgado.

O pracer de descubrir

«Esta é unha das ocasións que che fan sentir que a vida paga a pena. Ter todos os documentos, textos e gráficos, saber que podes contar con Genito en contacto permanente e acadar unha sintonía perfecta para gozar xuntos do pracer de descubrir», confesa Salgado, que consigue poñer aquel punto culminante no seu contexto sociohistórico. Por iso, Papel de estraza é, en realidade, un retrato da sociedade arousá dende o século XIX ata mediados do século seguinte, xa instalados en pleno franquismo, cando Pepa A Cullereira, unha muller que nunca baixou a cabeza e por iso tivo que marchar a México, regresa de vacacións á Illa en 1951.

O mellor que pode facerse con este saboroso papel é lelo. Non tería moito sentido tentar debullalo nestas poucas liñas. Abondará con citar o labor dos mestres e a súa concepción da educación como factor emancipador dos pobres e desposuídos; o papel protagonista da muller, dotada de autonomía e salario de seu polo desenvolvemento da industria conserveira, malia todos os seus desequilibrios. E a sorte funesta que correron os protagonistas daquel goberno fuxidío. Dous foron condenados a morrer fusilados. Outros dous estiveron agochados ata que no 39 foron presos e conenados a seis anos de cárcere. Oito desapareceron nas cunetas do franquismo.


Comentar