La Voz de Galicia

Gustavo César Veloso perde case dez minutos tras outra mostra de sacrificio

Arousa

Renqueante pola súa caída do domingo, descolgouse nos últimos catro quilómetros da quinta etapa da Volta a Portugal tras volver traballar para Marque e xa está a 17.07 do novo líder

11 Aug 2021. Actualizado a las 05:00 h.

«O meu primeiro obxectivo vai ser tentar axudar todo o posible a Marque e chegar a Viseu -punto final da Volta a Portugal-». Esta era onte a declaración de intencións de Gustavo César Veloso na meta de Santo Tirso. A chegada da quinta etapa da rolda lusa, tras 171,3 quilómetros cos que se reiniciou a carreira logo da xornada de descanso. Un suplicio maior inda para o arousán ca etapa do domingo, na que unha caída na saída neutralizada o deixou maltreito e acabou sepultando as opcións de pechar a súa carreira gañando a súa terceira Grandíssima.

Como o domingo, Gustavo baleirouse para tentar axudar o seu amigo Álex Marque a protexer o xersei de líder. Como o domingo, terminou pagando o desgaste do seu corpo ferido no treito final. Cedendo outros case dez minutos na xeral, descolgado a uns 4 quilómetros de meta do grupo dos favoritos -por diante triunfou o británico do Israel C. Mason Hollyman-. O de Bamio, que confesou que non daba feito forza coa súa perna esquerda, mancada na caída do domingo, é agora 31º. a 17.07 do novo líder, Daniel Freitas (RP), que avantaxa en 42 segundos a Marque, segundo.


Comentar