La Voz de Galicia

O Vilagarcía T.M. completa unha primeira volta redonda a costa do Cambados

Arousa

O cadro da capital arousá fixo pleno de cinco triunfos, polos tres do seu veciño

14 Dec 2021. Actualizado a las 05:00 h.

A Liga de División de Honra de Tenis de Mesa completou a pasada fin de semana o seu calendario do 2021. Fíxoo coa disputa dos últimos partidos da primeira volta da fase regular do campionato. E co Vilagarcía T.M. consolidado como sólido líder invicto do Subgrupo 1A, con seis equipos en competición.

O cadro vilagarcián asinou un pleno de cinco vitorias logo de superar con éxito as dúas probas que lle deparou a fin de semana antes dun longo parón que se prolongará ata o 8 de xaneiro. O sábado, derrotando a domicilio o seu veciño Cambados T.M. por un axustadísimo 4-3 e 14 xogos a 12.

O marcador do pavillón do Colexio San Tomé arrincou con vantaxe visitante grazas á vitoria de Sergiy Nigeruk sobre Andrés Correa en tres xogos. A partir de aí, encadeáronse alternativamente empates e novas vantaxes vilagarciás, con Lucas Bayona vencendo a Pedro Castro (3-0), Lawal Abiodum a Dani Casalderrey (0-3), Correa cobrándose vinganza ante Nigeruk (3-1) e perdendo acto seguido con Abiodum (2-3) antes de que o triunfo de Casalderrey sobre Castro (3-1) forzase o dobres. E aí, Nigeruk e Abidoum derrotaron a dupla Correa-Bayona (1-3).

O domingo, na casa, o Vilagarcía venceu 4-2 (12-9) o Milagrosa, rematando a primeira volta líder en solitario con 10 puntos. O Cambados é terceiro con 6.


Comentar