O CR Vilaxoán non remará no 2022 tras completar 365 días sen o seu local
Arousa
Logo de catro meses sen actividade, a continuidade do club pende dunha próxima asemblea tras ratificar Gelo Tarrío a súa decisión de deixar a presidencia
11 Jan 2022. Actualizado a las 05:00 h.
Tal día coma o de onte, 10 de xaneiro, pero do ano pasado, os responsables do Club de Remo Vilaxoán asumían con certo punto de ilusión o traslado do groso do material deportivo da entidade ao recinto feiral de Fexdega. O motivo, un proxecto de reforma a cargo do Concello de Vilagarcía chamado a modernizar o seu local social e de adestramento no razoable prazo de tres meses. 365 días despois, unha obra pensada para consolidar os cimentos da recuperación do club tras o duro golpe da pandemia rematou convertida nun pesadelo con pinta de tráxico final. O que se escribirá en semanas na asemblea prevista pola directiva inda presidida por Gelo Tarrío de non aparecer ninguén disposto a coller o relevo nunha sociedade deportiva reducida dende hai catro meses á nada.
A conclusión da Liga Galega de Traiñeiras e da temporada estival, co club aproveitando o bo tempo para poder traballar cos rapaces da canteira na praia, deu paso a un auténtico buraco negro. Cos traballos iniciados xa na primavera e con apenas unhas semanas de actividade nos labores de reforma, a paralización a mediados de xullo da obra na sede do C.R. Vilaxoán obrigou os responsables deste a denunciar publicamente a finais de setembro unha situación que impedía recuperar a actividade da base do club.
Semanas de polémica e de críticas contundentes contra a Fundación de Deportes de Vilagarcía, ente xestor das infraestruturas deportivas municipais, personalizadas no seu presidente, Miro Serén, remataron coa directiva de Gelo Tarrío anunciando a súa dimisión e marcha en canto estivera pechado o exercicio económico. A visita do alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, ao local do C.R. Vilaxoán o 11 de novembro e o reinicio dos traballos uns días despois, con dous meses e medio de prazo de finalización, non variou a cuestión de fondo.
Onte a Liga Galega de Traiñeiras facía pública a listaxe dos equipos que participarán este ano nas súas tres categorías. E o C.R. Vilaxoán non aparece nela, logo de ter asinado no 2021 o sétimo posto na LGT-A . Pero é que a entidade do sur de Vilagarcía tampouco figura como anfitrioa en ningunha das regatas do calendario máis extenso do banco fixo, o dos bateis. E iso é «polos mesmos motivos que hai dous meses. As obras non terminaron», sinalou onte Tarrío.
O inda presidente do C.R. Vilaxoán conta que «a última vez que fun ao local foi a fin de semana de fin de ano e nin acabaran nin se ve que vaian acabar pronto», entendendo que a concesionaria da reforma estará máis preto de esgotar o prazo máximo de dous meses e medio dado polo Concello que da intención deste último de vela terminada antes.
«O mal xa está feito»
Con todo, Tarrío deixa claro que «agora danos igual que tarden seis días ca seis meses. O mal xa está feito. Se cando dimos a rolda de prensa denunciando a paralización das obras levabamos 40 días perdidos, agora son 100. O 12 de febreiro empezan os bateis, o sábado fíxose o precalendario e nós non apuntamos regata» na única modalidade aberta á base do banco fixo, ao non ter remeiros. O mesmo argumento polo que o C.R. Vilaxoán optou por non inscribir traíña na LGT-A: «Non iamos poñer un aval bancario e pagar os 2.400-2.500 euros de inscrición nestas circunstancias». Así as cousas, coa temporada de bateis rematando a finais de abril, todo fai pensar nun 2022 completo sen barcos do C.R. Vilaxoán. Un drama para o remo vilagarcián, que dúas décadas despois da recuperación do club arríscase a volver afogar no silencio.
«Cando fixemos a rolda de prensa sabiamos o que ía pasar», afirma o presidente da entidade quen, dito isto, declara que «lle agradezo a Alberto —Varela— que nos visitara no club e nos dera a razón» nas súas críticas ao retraso nas obras.
Gelo Tarrío deixa claro que nada mudou respecto ao dito ao principio da polémica. Incluída a súa dimisión: «Estamos pendentes de acabar de xustificar unhas subvencións e feito isto, antes de que remate o mes espero, facer a asemblea. Eu non vou seguir».
Final a un rexistro singular: O único equipo que sempre se mantivo na LGT-A tras estrearse nela
O Club de Remo Vilaxoán despedía a finais de agosto do 2021 a Liga Galega de Traiñeiras A no sétimo posto da clasificación xeral. Un resultado discreto en comparanza co terceiro posto asinado un ano atrás, na mellor posición da bancada arousá na súa historia, tan só por detrás de dous intratables Tirán e Samertolameu de Meira.
A Liga Galega de Traiñeiras arrincou no ano 2003. Cinco despois, no 2008, coa competición autonómica limitada inda a unha única categoría, debutaba nela o C.R. Vilaxoán. E desde entón o equipo arousán non deixou de repetir nela. Nunca gañou a competición. Tampouco logrou ser unha das dúas bancadas galegas que cada ano aspiran a dar o salto á ACT na promoción de ascenso coa que conclúe a temporada. Pero o Vilaxoán tiña ata este ano un rexistro que ningún outro club posúe. O de ser o único equipo que competiu sempre na máxima categoría da LGT desde a súa estrea na mesma, sen descensos nin ascensos.
Os que volverán competir na Liga este ano son o C.R. Mecos e o Amegrove C.R. Ambos os dous aparecen na listaxe das 30 traiñeiras preinscritas publicada onte pola LGT; o Mecos na LGT-A e o seu veciño na B.
Calendario de bateis
O pasado sábado confeccionouse o precalendario da temporada de bateis. De confirmarse, serán once as regatas previas en augas de Pontevedra á disputa do Campionato Territorial Sur de mediados de abril. A primeira, a Bandeira Concello de Moaña o 12 de febreiro. Mecos organizará a Bandeira Lavanova o 5 de marzo e á semana seguinte, o día 13, Amegrove a bandeira que leva o seu nome. Os campionatos galego e de España están fixados para as dúas últimas fins de semana de abril.